Novas

Xoves, 28 de setembro de 2017

Os populares explican que os veciños e veciñas sofren un agravio comparativo que iniciou o BNG e continua o PSOE, posto que se dotou do servizo só a unha parte da parroquia

O PP pedirá no vindeiro Pleno que se leven a cabo as obras de saneamento no lugar de Calvos, en Santa Mariña, con cargo ao Fondo de Cooperación da Xunta

Julia Rodríguez precisa que unha parte importante dos veciños e veciñas residen neste lugar, que as vivendas son das máis antigas da parroquia e que a orografía do terreo en pendente fai necesario e urxente acometer as obras para evitar as filtracións que se producen e lles ocasionan numerosos prexuízos aos veciños no seu día a día

A voceira do PP de Monforte, Julia Rodríguez, avanza que o seu Grupo pedirá no vindeiro Pleno que o Concello leve a cabo as obras de saneamento no lugar de Calvos, na parroquia de Santa Mariña, con cargo ao Fondo de Cooperación da Xunta de Galicia.

Os populares recordan que os veciños e veciñas de Calvos sufriron un agravio comparativo cando o anterior alcalde, Severino Rodríguez, dotou de saneamento a unha parte da parroquia, deixándoos a eles sen un servizo fundamental para a vida cotiá. “Unha situación anómala que se mantén co Goberno do PSOE sen que lle teñan posto solución”, resume.

É preciso ter en conta, apuntan, que unha parte importante dos veciños e veciñas residen neste lugar, que as vivendas son das máis antigas da parroquia e que a orografía do terreo en pendente fai necesario e urxente acometer as obras para evitar as filtracións que se producen e lles ocasionan numerosos prexuízos aos veciños no seu día a día.

20 millóns para os concellos de Lugo

Desde o PP recordan que o Goberno galego destina aos concellos de Lugo máis de 20 millóns de euros a través do Fondo de Cooperación Local, un programa de axudas que chega a todas as localidades e cuxa distribución atende a criterios obxectivos pactados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e baseados principalmente nos datos de poboación.

Este ano a Xunta incrementou a partida destinada ao Fondo de Cooperación en máis dun 3%. Trátase dun fondo que non está condicionado nin vinculado á execución dunha obra ou servizo concreto, o que significa que os concellos poden investilo no que estimen máis axeitado para os intereses dos seus veciños.

“Son recursos que contribúen a que os concellos poidan continuar prestando os debidos servizos á cidadanía, mellorando as condicións de vida sen necesidade de ampliar a carga impositiva que soporta a veciñanza e que debemos aproveitar para actuacións como a de Calvos”, indica a popular.

Novas

Redes Sociais