Novas

Xoves, 5 de outubro de 2017

O máximo mandatario autonómico avanzou onte a mellora na área de ingreso e ambulatoria na súa intervención no Debate do Estado da Autonomía

O PP de Monforte agradece o compromiso do presidente ao anunciar melloras na área de ingreso e ambulatoria no hospital comarcal

Julia Rodríguez convida ao rexedor a non participar desa manifestación “da mentira” que está a organizar a plataforma sanitaria, cando existe un compromiso firme da Xunta de seguir mellorando os servizos e a calidade asistencial do centro hospitalario

O Grupo Municipal do PP de Monforte agradece o compromiso do presidente ao anunciar melloras na área de ingreso e ambulatoria no hospital comarcal. Así o expresou onte o máximo mandatario autonómico no Parlamento no Debate do Estado da Autonomía.

En concreto as palabras de Feijoo foron as seguintes:

“O gran piar do noso Estado do Benestar é, sen dúbida, a Sanidade pública e tamén está a vivir unha época de renovacións e melloras. Durante os anos da recesión económica impulsamos actuacións ambiciosas para renovar as infraestruturas sanitarias e ampliamos os dereitos dos pacientes. Agora, en recuperación, imos consolidar e ampliar esas medidas. (...) En Monforte de Lemos, melloraremos a área de ingreso e ambulatoria”.

A voceira do PP de Monforte, Julia Rodríguez, amosa a satisfacción do seu Grupo con este anuncio o que demostra, unha vez máis, o compromiso claro e indiscutible do presidente galego con Monforte e coa mellora da súa sanidade.

“As palabras do presidente revelan o compromiso do Goberno galego e o del mesmo por seguir incrementando os servizos e mellorando as instalacións do hospital comarcal”, precisa a voceira.

Unhas melloras con nome e apelidos

A popular considera que a intervención de Feijóo responde ás dúbidas que amosa continuamente o alcalde de Monforte nas que pide coñecer “con nomes e apelidos” as melloras que haberá para o hospital comarcal. “Pois aquí as ten, con nome e apelidos, igual que as anteriores que se veñen implantando e que non recoñece”, lamenta Julia Rodríguez.

Tras as verbas do presidente, desde o PP pídenlle ao rexedor que “deixe de mentir” aos veciños e veciñas e esíxenlle que diga a verdade e explique por qué agora carga contra unhas áreas sanitarias que eles mesmos propuñan en 2008.

“Agora que temos sobre a mesa o compromiso do presidente e as melloras que se van a levar a cabo no noso hospital pedímoslle ao rexedor que deixe de mentir e non sexa partícipe desa manifestación da mentira que está organizando a plataforma sanitaria”, conclúe.

Novas

Redes Sociais