Novas

Luns, 23 de setembro de 2013

O Grupo Municipal do PP considera que o documento non debería ser posposto e que o Goberno local tería que ser capaz de alcanzar o consenso que permita a súa aprobación antes do ano 2016

O PP denuncia o "interese electoralista" do alcalde por gardar no caixón o plan especial de protección do casco antigo de Monforte

A portavoz do PP anuncia que levarán unha moción ao Pleno de outubro para reclamar que o plan non se demore gratuitamente e evitar así máis perxuízos aos monfortinos

O Grupo Municipal do PP de Monforte denuncia o interese electoralista do alcalde ao coñecer a súa decisión de gardar no caixón o plan especial de protección do casco antigo de Monforte ata o ano 2016, un ano logo das eleccións municipais, tal e como os populares puideron coñecer a través dos medios de comunicación.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, considera que o documento non debería ser posposto e que o Goberno local debería ser capaz de alcanzar o consenso suficiente para a súa aprobación antes do ano 2016. "Despois do contratempo do Plan Xeral o alcalde prefire non realizar xestións de interese para os cidadáns para non chegar ás eleccións con este novo tema sen resolver", precisa a popular.

Julia Rodríguez recorda ademais que o Concello conta cunha axuda de 318.000 para elaborar o plan especial, logo de dispoñer de dúas subvencións por máis de 500.000 euros para a elaboración do PXOM "sen que finalmente se lle vexa o interese en que os plans prosperen, posto que este último tamén foi parar ao caixón do esquecemento".

"Tivemos un PXOM en 2006 que decidiu que non era válido, iniciou un de novo en 2009 para chegar ao 2013 sen que teñamos o documento aprobado", explica a portavoz.

O alcalde, un convidado de pedra

Os populares rexeitan a intención do Concello de retomar o plan especial en 2016 e piden ao alcalde un esforzo con todos os axentes implicados para sacalo adiante e poder recuperar un espazo da cidade tan importante. "É necesario desbloquear o plan e ao alcalde é a quen lle corresponde a súa xestión e non permanecer de convidado de pedra como con todos os asuntos cos que lle toca debater ultimamente, como o PXOM, a auga, o repintado dos pasos de peóns, ou a limpeza dos arroios, por citar algúns exemplos", engade Rodríguez.

A popular pon de manifesto ademais o perxuízo que esta situación trae consigo para a cidade, os propietarios con vivendas no casco histórico e para a construción, un sector que podería contar con demanda e se atopa parado á espera do instrumento urbanísticos adecuado para reactivar a actividade. Julia Rodríguez cre que con esta ferramenta na man "moitos propietarios animaríanse a poñer en valor os seus bens". A popular anuncia a presentación dunha moción para reclamar que o plan non se demore gratuitamente e evitar máis perxuízos aos monfortinos.

Novas

Redes Sociais