Novas

Mércores, 11 de outubro de 2017

Os populares preguntarán no vindeiro Pleno por qué non se solicitaron estes fondos pese a existir numeroso patrimonio na cidade que precisa de actuacións urxentes para garantir a súa conservación

O PP de Monforte denuncia que o alcalde non teña solicitado as axudas do 1% cultural nin elaborado ningún proxecto para acceder a estas subvencións

Julia Rodríguez remarca que a cidade do Cabe conta con todos os requisitos para poder acceder a estas achegas do Ministerio de Fomento

O Grupo Municipal do PP de Monforte preguntará no vindeiro Pleno polos motivos polos que o alcalde non ten solicitado as axudas do 1% cultural que ofrece o Ministerio de Fomento pese a que na cidade existe numeroso patrimonio necesitado de actuacións urxentes.

Desde o PP denuncian que o Goberno local en mans do PSOE siga a traxectoria do anterior e non teña elaborado ningún proxecto que permita acceder a estas subvencións.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, explica que desde a chegada do señor Tomé á Alcaldía, hai xa máis de dous anos, non se coñece planificación algunha para reclamar estes fondos con cargo ao 1% cultural, o que permitiría actuar en numerosos edificios da cidade.

Precisa ademais que Monforte, na súa condición de cidade de Interese Turístico e como capital da Ribeira Sacra e cun conxunto histórico moi importante declarado BIC desde hai anos, conta con todos os requisitos para acceder a estas axudas. “Tendo en conta o anterior non podemos entender que non se estean a aproveitar estas oportunidades como así fan outros concellos”, lamenta a voceira.

A voceira do PP agarda que o alcalde non siga botando balóns fóra e explique os motivos polos que aínda non se solicitaron estas axudas e “se poñan a traballar” para poder pedilas e actuar así no patrimonio monfortino para avanzar na súa conservación e poder mellorar a imaxe da cidade.

1% Cultural

O Ministerio de Fomento convocou o pasado mes de xuño, mediante a súa publicación no BOE, as axudas para financiar traballos de conservación e enriquecemento de bens inmobles do Patrimonio Histórico Español, dentro do programa 1,5% cultural. A Lei de Patrimonio Histórico establece a obriga de destinar nos contratos de obras públicas unha partida de cando menos o 1% a traballos de conservación ou enriquecemento do Patrimonio Cultural Español ou ao fomento da creatividade artística.

Novas

Redes Sociais