Novas

Sábado, 14 de outubro de 2017

Os populares presentan unha moción para o vindeiro Pleno na que demandan que se siga o Plan de Actuacións realizado no ano 2008 pola Xunta de Galicia, a conformidade da Dirección Xeral de Patrimonio, e coa colaboración do equipo redactor do PEPCHA

O PP de Monforte pediralle ao Goberno local a elaboración de proxectos graduais de rehabilitación e recuperación da muralla medieval

Reclaman ademais acometer a execución dos proxectos resultantes de recuperación da muralla medieval, por fases, conseguindo a tal fin as axudas e colaboración financeira necesaria das distintas administracións para a súa realización

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o vindeiro Pleno na que insta ao equipo de Goberno a elaborar proxectos graduais de rehabilitación e recuperación da Muralla medieval de Monforte, seguindo as indicacións do Plan de Actuacións realizado no ano 2008 pola Xunta de Galicia, a conformidade da Dirección Xeral de Patrimonio, e coa colaboración do equipo redactor do PEPCHA, recadando as axudas e colaboración financeira necesaria das distintas administracións para a súa realización.

Piden ademais acometer a execución dos proxectos resultantes de recuperación da muralla medieval, por fases, conseguindo a tal fin as axudas e colaboración financeira necesaria das distintas administracións para a súa realización.

O PP explica que o Concello dispón dende 2008 dun “Plan de actuacións para recuperación del recinto amurallado de Monforte” redactado -con data 29/02/2008- polo arquitecto José María Alonso Montero, sobre o estado da muralla naquel momento. “Non podemos mais que lamentar que se tiveran perdido estes 8 anos dende que se dispón deste plan sen que se levara a cabo unha soa xestión ou actuación dirixida a mellorar o estado de conservación da muralla”, explica a voceira do PP, quen engade que “incluso parece que determinadas actuacións levadas a cabo no seu entorno non contemplaron o recollido neste plan, a pesares de executarse con posterioridade á súa redacción”.

Os populares indican que a muralla de Monforte é o conxunto fortificado máis importante de Galicia dos séculos XIV e XV. Despois de moitas iniciativas deste Grupo Municipal, demandando a limpeza dos solares no entorno do recinto amurallado, e a eliminación das herbas invasivas da propia muralla, vense de acometer o solicitado, por parte do equipo de Goberno, a pesar de ter votado reiteradamente en contra das nosas demandas.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, precisa que a muralla é un dos monumentos emblemáticos da nosa cidade e, a pesar diso, “atópase nun estado de total abandono. Non é a primeira vez que o equipo de Goberno pretende que sexa a administración autonómica a que acometa a súa recuperación. Mesmo lle ten atribuído a titularidade, negando a titularidade municipal, que se recolle no PEPCHA e nos informes elaborados polo Concello, e a realidade de múltiples titularidades privadas”.

“Nese afán de derivar as responsabilidades á administración autonómica, nada se fai por recuperar un monumento que precisa dunha actuación tan urxente como ambiciosa”, engade.

Determinar a situación xurídica

A muralla presenta un problema engadido para abordar calquera actuación sobre a mesma. A necesidade de determinar a súa situación xurídica, toda vez que hai tramos nos que se sustentan vivendas e hortas de carácter privado, outros que se emprazan no entorno dos terreos cedidos a Paradores, outros sobre vías públicas municipais, etc...

Por ese motivo, o Grupo Municipal do Partido Popular trouxo a este pleno en 2016 unha iniciativa para que se efectuase “un estudo sobre a situación xurídica da muralla, que permita determinar a quen corresponde a súa titularidade, o longo do seu trazado, a fin de fixar o ámbito competencial da súa conservación e mantemento, como paso previo, a execución das actuacións que precise”. O equipo de Goberno votou en contra.

Os populares consideran que o estado da muralla obriga a tomar medidas de cara á súa recuperación, “e non seguir perdendo tempo en derivarlle a responsabilidade a quen non ostenta a titularidade algunha sobre a mesma”.

Novas

Redes Sociais