Novas

Monforte, 23 de outubro de 2017

Os populares levan unha moción ao Pleno de hoxe despois de que os socialistas teñan votado en contra da elaboración dunha ordenanza de instalacións de alumeado público na pasada sesión que celebrou a Corporación

O PP de Monforte pídelle ao Goberno local que substitúa e retire os postes de enerxía eléctrica en mal estado

Julia Rodríguez asegura que o seu Grupo ten recibido recentemente queixas de veciños relacionadas coa existencia de postes dobres, que teñen sido renovados pola empresa titular dos mesmos, debido ao seu mal estado, pero que a partir de aí o Concello nada ten feito, nin para trasladar as conexións do alumeado público, nin para que a empresa retire os postes en mal estado

O Grupo Municipal do PP de Monforte pedirá no Pleno de hoxe que polo técnico municipal responsable do servizo eléctrico se leven a cabo as xestións necesarias para que sexan substituídos e retirados os postes de enerxía eléctrica que se atopen en mal estado no termo municipal de Monforte, e para que sexan retirados aqueles que, tendo sido substituídos pola empresa subministradora, non teñen sido retirados do lugar por non ter efectuado o Concello as actuacións necesarias para elo.

Os populares recordan que o pasado mes de setembro o Grupo Municipal do PP elevou ao Pleno da Corporación unha proposta de elaboración dunha ordenanza de instalacións eléctricas municipais dirixida a regularizar e normalizar o deseño, a execución e a inspección das instalacións de alumeado público no noso termo municipal co obxectivo de unificar criterios, homoxeneizar o alumeado da cidade e lograr unha calidade aceptable do mesmo.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, explica que “puñamos unha serie de exemplos que acreditaban a necesidade de ter unhas pautas de actuación no que atinxe a mellorar o estado e funcionamento das instalacións eléctricas municipais, pero a iniciativa foi rexeitada polo equipo de Goberno”.

Precisan ademais que non é a primeira vez que este Grupo trae a pleno propostas relacionadas co alumeado público ou co estado das instalacións eléctricas. “Temos advertido da existencia de postes de madeira que teñen perdido a verticalidade e ameazan con caer, de cableados colgando, de cadros eléctricos accesibles para a poboación, de conexións provisionais irregulares e que non cumpren coa normativa. Nada se ten feito para corrixir estas situacións”, lamentan desde o PP.

Queixas dos veciños

A voceira afirma que o seu Grupo ten recibido recentemente queixas de veciños relacionadas coa existencia de postes dobres, que teñen sido renovados pola empresa titular dos mesmos, debido ao seu mal estado, pero que a partir de aí o Concello nada ten feito, nin para trasladar as conexións do alumeado público, nin para que a empresa retire os postes en mal estado.

“Este grupo ten comprobado o risco que representan estes postes para a poboación que frecuenta as súas proximidades, polo que esiximos a intervención do Goberno local ante a necesidade de establecer pautas de actuación para mellorar as instalacións eléctricas municipais”, indica a voceira.

Novas

Redes Sociais