Novas

Martes, 24 de outubro de 2017

Os populares presentaron unha iniciativa, que foi debatida no pleno de onte, a través da que instaban ao equipo de goberno a que actuase en beneficio dos veciños e non da empresa concesionaria do servizo da auga

O PP de Monforte considera “vergonzoso” que o alcalde vote en contra de defender os intereses do Concello no lugar de velar polos de Aqualia

Julia Rodríguez esixiulle de novo ao alcalde que cumpra coa súa responsabilidade, estudie as cantidades económicas que a empresa lle debe ao Concello e formule reclamación a Aqualia

O PP de Monforte considera “vergonzoso” que o alcalde da localidade, o socialista José Tomé, votase onte en pleno en contra de defender os intereses do Concello no lugar de velar polos de Aqualia, empresa concesionaria do servizo municipal de auga.

Os populares presentaron de novo unha iniciativa debatida onte en sesión plenaria na que reclamaban que o Goberno local actuase definitivamente en defensa dos intereses do Concello e non de Aqualia e, deste modo, procedese a analizar de forma efectiva os cumprimentos e incumprimentos da concesionaria e os seus efectos económicos, a fin de formularlle unha reclamación a empresa das cantidades resultantes ou alcanzar un acordo coa mesma nos termos xustos e axeitados para o Concello.

A deputada autonómica e voceira do Grupo Municipal do Partido Popular, Julia Rodríguez, considera que “non se entende que pode motivar o voto en contra á iniciativa popular despois de que unha sentenza desestimase unha das reclamacións presentadas pola empresa ao Concello, a través da que esixía o pago de 1,5 millóns de euros e despois de que a propia concesionaria renunciase a seguir adiante coa segunda denuncia, a raíz da que pedía o pago de 2,5 millóns de euros”.

Acordo prexudicial para o Concello

A voceira popular lembrou que o alcalde trouxo a pleno unha proposta de acordo coa concesionaria, na que propoñía compensar o que o Concello supostamente debía á empresa coas cantidades que Aqualia adebedaba ao Concello e que o Partido Popular “rexeitou por entender que era prexudicial para os intereses dos veciños”, feito que quedou comprobado co desestimación dunha das reclamacións e coa renuncia por parte da empresa á outra.

“O voto en contra de novo á moción presentada onte polo PP e máis despois dos últimos acontecementos dados en torno aos contenciosos de Aqualia, evidencia de novo que o alcalde está a moverse en defensa dos intereses de Aqualia e non dos monfortinos”.

Ademais, para Julia Rodríguez “o acordo que presentaba o alcalde e que claramente beneficiaba á empresa non é o resultado dun erro, senón froito da intencionalidade e da plena convicción do alcalde, o que se demostra en feitos como son o propio contido do acordo, os informes que o rexedor pedía para favorecer esta proposta e máis a presión que exerceu para que se levase a cabo”

Reclamación a Aqualia

A voceira dos populares “esixiu de novo accións e feitos concretos, xunto a unha resposta inmediata” xa que defende que a responsabilidade do alcalde é a de “facer cumprir o contrato, cuantificar o que debe a empresa ao Concello e iniciar a reclamación para que Aqualia devolva estas cantidades”.

Ante esta situación, dende o Partido Popular pregúntanse “a que espera o alcalde” da localidade para formularlle unha reclamación á empresa Aqualia sobre as cantidades que a concesionaria da auga pode adebedar ao Concello. Así, dende o Grupo do PP lembraron que “escoitamos en ocasións que xa cansabamos co tema de Aqualia, pero a xustiza vén a darnos a razón” e faise “imprescindible”, reiteran dende o PP, a elaboración dun informe económico que faga análise das obrigas da empresa, no marco da súa oferta e do prego de condicións, coa finalidade de cuantificar os incumprimentos da empresa.

“O alcalde sempre rexeitou esta proposta de presentar unha reclamación a Aqualia e agora aínda se entende menos a que ten que esperar o rexedor para defender os intereses dos veciños e das veciñas”, xa que “a empresa ten perdido unha reclamación de 1,5 millóns de euros e desistido doutra de 2,5 millóns; pero pese a isto e a pesar de todo o que levamos denunciado, e de todos os acordos plenarios que promovemos, aínda o Concello non tomou unha soa acción efectiva de reclamación fronte a Aqualia e vén de votar de novo en contra de facelo”, censuran dende o Grupo Popular.

Novas

Redes Sociais