Novas

Mércores, 25 de outubro de 2017

A voceira do Grupo Municipal do PP mantivo un contacto coa presidenta de Paradores, Ángeles Alarcón, co obxecto de trasladarlle a conveniencia de realizar este tipo actuacións nos solares situados ao carón dun dos monumentos referente para o turismo na Ribeira Sacra

O PP de Monforte tramitou ante Paradores a urxencia de limpar as fincas e de realizar outras accións de lucido na contorna das instalacións hoteleiras

Julia Rodríguez agradece o compromiso e a boa disposición que lle fixeron chegar dende a presidencia de Paradores, que prevé realizar estas tarefas na maior brevidade posible

O PP tamén preguntará ao alcalde se continuará a acometer as tarefas de limpeza da muralla nos treitos que seguen a presentar un considerable estado de abandono

O Partido Popular de Monforte tramitou ante a presidencia de Paradores a urxencia de limpar as fincas situadas ao redor das súas instalacións hoteleiras así como de realizar outras accións de lucido nesta localización.

En concreto, a deputada autonómica e voceira do Grupo Municipal do Partido Popular, Julia Rodríguez, púxose en contacto coa presidenta de Paradores de Turismo de España, Ángeles Alarcón, coa finalidade de trasladarlle a conveniencia de que se proceda a realizar as actuacións de limpeza da maleza que invade os solares situados a beira do monumento hoteleiro, así como a necesidade de acometer outro tipo de accións de lucido dalgunha zona.

Julia Rodríguez quere agradecer o compromiso e a boa disposición amosada por parte da presidencia que prevé realizar estes traballos nas inmediacións do Parador de Turismo de Monforte na maior brevidade posible.

A voceira popular lembra que a maleza que invadía a muralla de Monforte impedía ver o estado que presentan os solares nesta zona do Parador de Turismo. Tras a presentación de varias iniciativas por parte do Grupo Popular, ás que votaron en contra o alcalde e o seu equipo de Goberno, procedeuse dende o Concello á limpeza da muralla, sendo necesarios agora novos acometidos por parte de Paradores. É dicir, era a falta de limpeza que presentaba a muralla neste treito do Parador o que impedía apreciar o estado no que se atopa a parte que pertence a esta instalación hoteleira e, polo tanto, e agora cando se advirte da necesidade de limpar esta contorna.

Julia Rodríguez destaca a importancia de que dende a presidencia da cadea hoteleira estatal se acometan estas actuacións xa que o Parador de Monforte consagrouse como un dos referentes turísticos da Ribeira Sacra, de aí a necesidade de que se ofreza ao visitante a mellor imaxe posible tanto do monumento como das súas inmediacións.

Por último, dende o Grupo Municipal do PP tamén anuncian que remitirán unha pregunta ao rexedor socialista co obxecto de que aclare se realizarán novas actuacións de limpeza nos treitos da muralla que na actualidade presentan un considerable estado de abandono e nos que, polo momento, o Concello non acometeu ningún tipo de traballo. Os populares queren saber se o alcalde continuará con este tipo de actuacións na muralla ou deixará as zonas, nas que non se realizou ningún tipo de acción, no mesmo estado que ofrecen na actualidade.

Novas

Redes Sociais