Novas

Xoves, 9 de novembro de 2017

A voceira do Grupo Municipal do PP está a manter tamén reunións cos veciños dos barrios máis afectados por este plan

O PP de Monforte manterá unha xuntanza con técnicos e construtores para coñecer as súas suxestións sobre o Plan Especial

Unha vez rematada esta rolda de reunións, o Grupo Popular solicitará unha xuntanza co equipo redactor do plan, previa á presentación das alegacións, para trasladarlles as problemáticas que lles están a achegar e clarificar outras dúbidas que xurdiron ao respecto

O Partido Popular de Monforte manterá unha reunión con técnicos e construtores para coñecer tamén as súas valoracións e as súas propostas en relación ao Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico Artístico (PEPCHA). Esta xuntanza súmase ás que están a celebrar os edís do Grupo Popular nos principais barrios afectados por este documento co obxecto de informar aos veciños sobre o plan ao mesmo tempo que recollen as súas consideracións e as problemáticas que lles preocupan ao respecto.

A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular, Julia Rodríguez, anuncia tamén que, unha vez rematada esta rolda de contactos tanto con técnicos e construtores coma cos veciños; dende o Grupo do PP solicitarán a celebración dunha xuntanza co equipo redactor do plan especial. Os populares pedirán a celebración desta reunión cos técnicos redactores antes de formular as alegacións que estiman oportunas ao plan coa finalidade de que “nos clarifiquen algunhas cuestións que quedan pouco definidas ou mesmo non están definidas no plan”. Ademais, no marco deste encontro prevén tratar sobre as diferentes queixas que lles están a ser trasladadas aos populares nas diferentes reunións xunto a outras cuestións detectadas polo propio Grupo do PP. “Antes de formular as alegacións, queremos tratar os problemas dos que xorden e máis coñecer a posición do equipo redactor ao respecto coa única finalidade de lograr melloras no plan”, precisa Julia Rodríguez.

Deste xeito, dende o Partido Popular de Monforte continúan a traballar para que a cidade conte cun plan especial de protección do conxunto histórico “que se converta na mellor ferramenta para o desenvolvemento e conservación do concello e que responda ás necesidades dos monfortinos”. Para os populares este plan “debe ser froito do consenso e debe axudar a recuperar unha zona da cidade que é preciso mellorar e preservar”, consideran.

Traballo do Grupo Popular

O Grupo Popular de Monforte promoveu medidas dirixidas a evitar que co PEPCHA sucedese o mesmo que aconteceu co PXOM, é dicir, que rematase nun caixón. Así, os populares solicitaron unha ampliación do prazo de exposición pública xa que non consideraban suficiente o mes de agosto; impulsaron que o Concello puxese á disposición dos veciños, técnicos que os informasen sobre o plan e ao mesmo tempo están a realizar xuntanzas polos barrios para que os afectados poidan coñecer o plan especial en profundidade, saiban como lles poden afectar os cambios e as propostas que nel se fan e, se así o consideran, poidan presentar as súas alegacións. Agora, continúan estas xuntanzas con técnicos e construtores para coñecer tamén as súas suxestións.

Novas

Redes Sociais