Novas

Mércores, 15 de novembro de 2017

A voceira do Grupo Municipal do PP, Julia Rodríguez, valora a reunión da Xunta de Voceiros celebrada onte e considera positivo que se acordara “o traslado dunha serie de cuestións ao xerente pensando en achegar ideas que melloren a sanidade” aínda que, precisan, “algunhas destas propostas son valoracións da que foi portavoz da plataforma e que dende o PP non compartimos”

O Grupo Municipal Popular de Monforte participa nas iniciativas dirixidas a mellorar os servizos sanitarios pero “nunca estaremos nas que fan un uso político da sanidade”

A popular precisa que non asistirá á reunión prevista coa plataforma xa que “nunca nos atoparán do lado dos paróns e das propostas que o único que fan e danar o noso sistema sanitario, nin formaremos parte de medidas coas que só buscan preocupar á xente de xeito inxustificado e darlles mensaxes que non son exactas”

A voceira do Partido Popular de Monforte, Julia Rodríguez, asegura que o Grupo Municipal Popular participa nas iniciativas que nacen coa vontade de mellorar os servizos sanitarios pero, aclara, “ que nunca estaremos nas que fan un uso político da sanidade”.

Julia Rodríguez explica que onte asistiu á Xunta de Voceiros, que tiña por obxecto tratar sobre as medidas que se poñerían en práctica sobre o anteproxecto de modificación da Lei da Saúde, “por se tratábamos no marco desta xuntanza medidas construtivas ou mesmo analizábamos a presentación de alegacións. Non perdíamos a esperanza de que se puxesen sobre a mesa ideas que fosen útiles para todos e que aportasen melloras a un documento, ao que lle queda moito recorrido e que ten que pasar aínda o trámite parlamentario”.

Neste senso, a voceira dos populares valora a reunión celebrada onte e ve positivo que se acordara trasladar ao xerente da área integrada unha serie de cuestións “pensando en achegar ideas que melloren os servizos do noso hospital”. Así, “nesta liña de traballo sempre atoparán ao Grupo Popular xa que estamos para escoitar e traballar a prol do beneficio do noso sistema sanitario”, asegura. Ao respecto, dende o PP puntualizan que “defendemos e parécenos ben que se fagan aportacións construtivas e en positivo, pero tamén consideramos que algunha destas consideracións expostas onte son valoracións da que foi portavoz da plataforma e que dende o Grupo Popular non compartimos”.

Julia Rodríguez tamén precisa que non asistirán á reunión prevista coa plataforma xa que “nunca nos atoparán do lado dos paróns e das ideas que o único que fan é danar a nosa sanidade e que só buscan facer política cun anteproxecto de lei, que ten que pasar aínda todo o trámite parlamentario. Non participaremos do engano á xente de modo inxustificado, dándolles mensaxes que non son exactas. Só estaremos para traballar e conseguir mellores servizos para o noso hospital”.

Novas

Redes Sociais