Novas

Xoves, 16 novembro de 2017

Os populares critican a inacción do alcalde fronte á pasividade da empresa pese a existencia de múltiples acordos plenarios, promovidos a iniciativa do PP, e que instan ao rexedor a actuar para que a concesionaria cumpra co seu contrato

O PP de Monforte pídelle ao alcalde que requira a Aqualia o cumprimento das súas obrigas contractuais de renovación e actuación na rede de abastecemento de auga

Julia Rodríguez critica que o Concello non aproveite as obras de pavimentación que se están a realizar en rúas municipais para que se acometan as actuacións necesarias na rede de abastecemento “toda vez que as conducións están en moi mal estado e as fugas e as roturas son continuas”

O Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte pídelle ao alcalde que actúe e requira a Aqualia o cumprimento das obrigas establecidas no contrato, que impón á empresa o deber de realizar “as obras de mantemento e conservación de conducións e instalacións así como as de renovación e/ou substitución de conducións e instalacións deterioradas ou avariadas, que serán de conta do concesionario”, tal e como recolle o artigo 26.4 do prego de condicións; así como a localización de fugas na rede de abastecemento de auga.

A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular e deputada autonómica, Julia Rodríguez, anuncia a este respecto que dende o PP se levará de novo ao próximo Pleno municipal unha moción na que se insta ao alcalde a que abandone a súa inacción e actúe ante a concesionaria.

Julia Rodríguez lamenta que o rexedor monfortino “a día de hoxe non fixese nada para defender os intereses dos veciños e para que a empresa cumprise coas súas obrigas contractuais” pese a que, segundo lembra a voceira, “existen multitude de acordos plenarios promovidos a iniciativa do Partido Popular nos que se pide que o alcalde proceda ante a pasividade de Aqualia”. Mesmo, indican os populares, o rexedor chegou a votar en contra de mocións cuxo “obxectivo centrábase en que se ofrecese un servizo de augas en condicións aos veciños e que nunca se antepuxesen os intereses da empresa aos dos monfortinos”

A voceira dos populares locais precisa que o concello de Monforte necesita de 5.000 metros cúbicos de auga diarios “cando se está a contabilizar un gasto de 11.000”, é dicir, “estase a perder unha importante cantidade de auga pola rede dado o seu mal estado e as fugas que presenta, sen que o Concello faga nada para requirir á concesionaria ao respecto”.

Dende o PP lamentan que “se nos acuse de estar sempre co tema de Aqualia, pero o certo é que a rotura das tubaxes e a situación que se está a vivir é a consecuencia do mal que xestionaron tanto este alcalde como o anterior os incumprimentos existentes por parte de Aqualia; únicos responsables pola súa deixadez e a súa permisividade con esta empresa, sendo os veciños os que sofren as súas consecuencias”.

Obras municipais

Ademais, na súa iniciativa os populares tamén reproban que o rexedor “non só non estea a requirir á empresa que cumpra coas súas obrigas, senón que tampouco están a actuar dende o Goberno local axeitadamente dado que están a pavimentar as rúas sen aproveitar estas obras para renovar as conducións. É dicir, Julia Rodríguez lamenta que o Concello non aproveite as actuacións de pavimentación que se están a realizar en rúas municipais para acometer obras na rede de abastecemento de auga “toda vez que está en mal estado e as fugas e as roturas son continuas”. “Todos sabemos que o que supón un maior custo na renovación das canalizacións non é a tubaxe, senón os acometidos de levantamento do firme, polo que non entendemos que non aproveiten as obras xa proxectadas para realizar estas renovacións tan necesarias, aínda que despois se lle reclame á concesionaria o custo das tubaxes”, explica Julia Rodríguez, quen engade que “non facelo, implica nun futuro ter que volver a levantar o pavimento recentemente botado o que supón uns gastos considerables e engadidos ás arcas municipais e, polo tanto, unha mala xestión dos recursos públicos”.

Novas

Redes Sociais