Novas

Mércores, 25 de setembro de 2013

O Grupo Municipal do PP sostén que as actuacións anteriores foron acometidas polo Goberno local, xa que a ponte non se atopa na relación de bens de titularidade autonómica

Os populares reclaman ao Concello que limpe a Ponte Vella para devolverlle o aspecto de limpeza e o mínimo mantemento que lle corresponde ao monumento

A portavoz do PP considera que é necesaria unha actuación "urxente" para evitar o deterioro dos seus elementos

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno do luns día 30 na que instan ao equipo de goberno a que, previo o informe ou licenza que corresponda da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, proceda á limpeza da Ponte Vella eliminando a maleza que crece entre os seus sillares para devolverlle o aspecto de limpeza e o mínimo mantemento que corresponde a un monumento desta natureza.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, sostén que é o Concello o que debe acometer a limpeza da maleza, xa que o vial que discorre sobre a ponte non é de competencia autonómica. A popular precisa ademais que o monumento non está recollido na relación de bens de titularidade autonómica, e aínda que se trata dun ben inventariado e sometido ás normas do recinto histórico, non foi declarado BIC en si mesmo.

Ademais, o PP recorda que as limpezas anteriores foron acometidas polo Concello.

Un estado lamentable

O Grupo Municipal Popular advirte do estado "lamentable" no que se atopa a ponte cos seus sillares parcialmente tapizados de plantas que florecen entre as súas ranuras. Tamén poden verse paxaros aniñando na súa estrutura co prexuízo estético que todo iso representa e co dano que a maleza produce nos sillares, contribuíndo á súa degradación.

Así, Julia Rodríguez afirma que a Ponte Vella necesita unha limpeza urxente "non só para ofrecer a imaxe coidada que corresponde a un monumento desta entidade, senón para prestarlle a mínima conservación e mantemento co fin de evitar a degradación dos seus elementos".

Novas

Redes Sociais