Novas

Luns, 20 novembro de 2017

Os populares piden que nesta xunta de portavoces estea presente o responsable da empresa Aqualia

O PP de Monforte urxe ao alcalde que convoque unha reunión cos portavoces municipais para dar conta do ocorrido co abastecemento de auga e das accións que se adoptarán ao respecto

O Grupo Municipal do PP tamén esixe a comparecencia ante o Pleno do edil de servizos para que dea resposta ás preguntas que se lle formulen sobre a súa actuación en relación ao abastecemento de auga

O PP solicita a maiores o compromiso do Goberno local de renovar as conducións danadas ou avariadas en cada rúa na que se executen obras de pavimentación, reclamándolle á concesionaria o custo da substitución das tubaxes

O Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte vén de rexistrar unha moción a través da que insta ao equipo de Goberno a que convoque unha reunión con tódolos portavoces municipais, na que tamén participe o responsable da empresa Aqualia, para dar explicacións sobre o acontecido nestes últimos días en relación á rede de abastecemento de auga. Na súa moción, os populares tamén piden que no marco desta xuntanza o equipo de Goberno explique cal será a súa intención de cara a xestión presente e futura do contrato do servizo de abastecemento e saneamento.

Ademais, a voceira do Grupo Municipal do PP, Julia Rodríguez, anuncia que o PP a través da iniciativa que vén de rexistrarse, tamén solicita ao Goberno local que se acorde a comparecencia ante o Pleno do edil con responsabilidades na área de servizos para que dea resposta ás preguntas que se lle formulen sobre a súa actuación en relación ao servizo de abastecemento e saneamento.

O Grupo Municipal do PP rexistra esta moción tras as roturas que se produciron nas tubaxes entre os días 14 e 18, o que provocou que a práctica totalidade dos monfortinos estivesen durante máis de 24 horas sen auga, situación que ocasionou importantes perdas especialmente aos negocios.

Os populares denuncian que o equipo de Goberno continúe na dinámica de “non facer nada para esixirlle á empresa concesionaria o cumprimento do seu contrato. Non presentou ningún expediente sancionador nin ningunha reclamación pero, pola contra, si asumiron obras e custos de actuacións que lles correspondería soportar á empresa Aqualia”. É dicir, a concesionaria, non só ten incumprido o contrato no que atinxe ao mantemento e renovación das conducións, “senón que contou antes e conta agora coa connivencia do equipo de Goberno”.

Julia Rodríguez lembra que o alcalde anunciou que se fará unha auditoría a esta empresa para analizar a súa actuación fronte a esta avaría pero, lamenta, “tense negado sistematicamente a determinar as consecuencias dos seus incumprimentos e a requirila para que cumpra co contrato, polo que ante esa actitude, efectuar unha auditoría sobre esta avaría, resulta inútil”.

Por último, a voceira precisa que “é sabido que o Grupo Municipal do Partido Popular leva anos traendo propostas, promovendo comisións de todo tipo de actuacións dirixidas a reclamar á empresa Aqualia o cumprimento do contrato que a obriga” e, de novo, a través desta iniciativa, “pedimos o compromiso do Goberno local de renovar as conducións deterioradas ou danadas en cada rúa na que se proceda a executar obras de pavimentación, coa finalidade de ir modernizando progresivamente a rede, e reclamándolle á concesionaria o custo da substitución das tubaxes que estean deterioradas ou avariadas, tal como recolle o art. 26.4 do prego de condicións”.

Novas

Redes Sociais