Novas

Monforte, 23 novembro de 2017

Os populares lembran que Monforte non foi alleo á vaga de lumes de mediados de outubro, afectando indistintamente a áreas de monte raso, arborado, zonas de pastos, explotacións gandeiras, viñedos e mesmo estivo moi preto de núcleos rurais, polo que “os cidadáns en xeral e cada administración no marco das súas competencias, debemos actuar para facer fronte a un problema que é de todos”

O PP de Monforte pedirá en Pleno unha maior implicación do Concello na prevención e defensa contra os incendios forestais

O Grupo Municipal do PP insta ao Goberno local a que se implique coa Xunta nos convenios para a prevención e defensa contra os incendios forestais, que inclúe a contratación de brigadas, ademais de que faga cumprir a ordenanza municipal reguladora de limpeza de terreos, distancia das plantacións e xestión da biomasa

O PP esixe tamén ao Goberno do Concello que participe nas convocatorias de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes pasado

O Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte pedirá na próxima sesión plenaria municipal unha maior implicación do Concello na prevención e defensa contra os incendios forestais.

Os populares lembran que Monforte non foi alleo á vaga de lumes de mediados do mes de outubro, véndose afectadas áreas de monte raso, arborado, xunto a zonas de pasto, a explotacións gandeiras, viñedos e mesmo estivo moi preto dos núcleos rurais.

Dende o Grupo Municipal Popular defenden que “os cidadáns en xeral, e cada administración no marco das súas competencias, debemos actuar para facerlle fronte ao problema dos incendios forestais, xa que é un problema de todos”.

Peticións do Grupo Popular municipal

Así, na próxima sesión plenaria o Grupo Popular instará ao equipo de Goberno do Concello a que colabore coa Xunta de Galicia nos convenios para a prevención e defensa contra incendios forestais que inclúen, entre outras accións, a realización de tratamentos preventivos de xeito mecanizado nas vías e camiños forestais, en áreas de cortalumes, nas faixas de xestión da biomasa de titularidade municipal e mesmo en superficies de propietario descoñecido; así como a contratación de brigadas para o desenvolvemento de labores de vixilancia e defensa e para a realización de traballos de prevención de forma manual.

De igual xeito, na súa iniciativa, os populares tamén esixen ao equipo de Goberno de Monforte que faga cumprir a ordenanza municipal reguladora da limpeza de terreos, distancia das plantacións e xestión da biomasa. Ademais, piden ao Concello que participe na convocatoria de axudas da Orde conxunta do 27 de outubro de 2017 mediante a que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas previstas polo Decreto 102/2017, do 19 de outubro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017.

Agradecemento

No marco deste acordo proposto polo PP, dende o Grupo Municipal trasladan o agradecemento e apoio a tódolos profesionais que forman parte do operativo de extinción de incendios que coa súa actuación evitan que a traxedia sexa maior; así como as Forzas e Corpos de Seguridade, que coa imprescindible colaboración cidadá, están levando a cabo as súas investigacións para tentar esclarecer a autoría dos incendios.

Por último, instan a tódalas administracións públicas a que asuman as súas responsabilidades en materia de prevención de incendios forestais no cumprimento da normativa vixente. De igual xeito, tamén esixen ao Estado e ás Deputacións Provinciais (estas últimas como principais organismos encargados de dar apoio aos concellos) para que se unan á Xunta de Galicia e participen na concesión de axudas destinadas a paliar os efectos dos lumes. En particular, “ínstase ás Deputacións, en virtude das obrigas que a estes efectos establece o artigo 38 da Lei de Emerxencias de Galicia, a implicarse no cofinanciamento das actuacións de reparación de danos producidos nos bens e instalacións de titularidade municipal”, precisan.

Novas

Redes Sociais