Novas

Monforte, 24 novembro de 2017

Os populares presentaron unha moción na que instan ao Goberno local a que manifeste a adhesión do Concello ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, onde se definen os cambios e ferramentas que “debemos desenvolver para erradicar esta lacra da nosa sociedade canto antes”

O PP de Monforte pide ao Concello que redobre o seu compromiso para combater a violencia machista e apoiar ás vítimas e non reduza recursos, servizos ou orzamento

O Grupo Municipal do PP insta aos Gobernos nacional e autonómicos a realizar as reformas lexislativas necesarias para desenvolver, no menor tempo posible, as medidas comprendidas no Pacto de Estado e que se poida tamén dar resposta aos obxectivos orzamentarios que aparecen neste Pacto de Estado

O Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte pedirá na próxima sesión plenaria municipal que o Concello “redobre o seu compromiso para combater a violencia machista e apoiar ás vítimas e non reduza recursos, servizos ou orzamento”.

Os populares piden este acordo por parte do Goberno local a través dunha iniciativa plenaria, na que manifestan a súa condena absoluta ante a violencia de xénero “porque o maltratador non ten cabida na nosa sociedade” e trasladan o “seu apoio incondicional ás vítimas, xa sexan mulleres ou os seus fillos e fillas”.

Este sábado, 25 de novembro, conmemórase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Neste eido, a voceira do Grupo Municipal do PP, Julia Rodríguez, lembra que “non partimos de cero, xa que conseguimos importantes avances ao longo das últimas décadas”. A popular asegura que a violencia de xénero é unha responsabilidade de todos, é dicir, “unha cuestión de Estado e afortunadamente así o entenderon todos os partidos políticos. Conseguiuse que a inmensa maioría da sociedade nos unamos arredor do Pacto contra a Violencia de Xénero, acadando unha soa voz que expresa a vontade firme para erradicar esta terrible realidade”.

Ante isto, na iniciativa dos populares pídese que o Concello de Monforte manifeste a súa adhesión ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, no que se definen os cambios e ferramentas que debemos desenvolver para erradicar a violencia machista na sociedade “canto antes”.

Neste mesmo senso, o Grupo Popular insta aos Gobernos nacional e autonómico a realizar as reformas lexislativas necesarias para desenvolver, no menor tempo posible, as medidas comprendidas no Pacto de Estado. De igual modo, tamén esixe a todos os Grupo Políticos con representación parlamentaria a aprobar unhas contas xerais para o vindeiro ano que “nos permitan cumprir cos obxectivos orzamentarios que aparecen no Pacto de Estado”.

Recordo ás vítimas

Na proposta de acordo da moción popular tamén se manifesta o recordo a todas as mulleres e menores asasinados pola violencia machista e se expresan as súas condolencias ás familias. Amais, reitérase a tolerancia cero contra calquera acción violenta contra as mulleres e faise un chamamento para que toda a sociedade denuncie situacións de violencia de xénero, porque “non podemos ser cómplices dos maltratadores co noso silencio”.

Novas

Redes Sociais