Novas

Monforte, 25 novembro de 2017

Os populares rexistraron unha moción para o seu debate na sesión plenaria do luns coa finalidade de que o Goberno local acorde a apertura e posta en servizo das estradas municipais do Porto Seco, que posibilitarán conectar o acceso á LU-933 coa LU-546

O PP de Monforte pide ao Concello que acometa as melloras necesarias nas vías municipais que permitirán a comunicación do Porto Seco coa LU-546

Julia Rodríguez precisa que se está ante unha actuación importante que permitiría aos veciños das zonas do Castelo e da Florida desprazárense cara Lugo sen necesidade de atravesar polo centro da cidade

O Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte pide ao Goberno local que acometa as melloras necesarias nas vías de titularidade municipal que permitirán a comunicación do Porto Seco coa LU-546, coa finalidade de “mellorar e favorecer o tránsito por elas en condicións de seguridade”.

Os populares levan unha iniciativa para o seu debate no Pleno do próximo luns a través da que esixen, polo tanto, que se acorde a apertura e posta en servizo destas vías municipais do Porto Seco e así conectar o acceso á LU-933 coa LU-546.

A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular, Julia Rodríguez, precisa que os veciños de Monforte residentes no entorno da Florida e do Castelo “dispoñen dunha extraordinaria estrada, como é o acceso a LU-933, que lles permite chegar ata o Porto Seco, pero, unha vez alí, atópanse cunhas estruturas de cemento que bloquean o uso das vías municipais”. Esta situación, segundo explica a popular, impide o acceso dos vehículos cara a LU-546 “pese a que se atopa a escasos cen metros”.

Ante esta circunstancia, a voceira dos populares locais analiza que o proxecto de conexión do Porto Seco coa LU-545 “é moi custoso e ambicioso” e levará anos que se materialice polo que, engade, “mentres compre adoptar as medidas necesarias para conectar a LU-933 coa LU-546 a través do Porto Seco”.

Polo tanto, para os populares urxe abrir as vías municipais do Porto Seco, que permitirían a súa comunicación coa LU-546 e darían servizo aos veciños que dende a zona do Castelo e da Florida se dirixan cara Lugo, “evitándolles ter que cruzar polo centro da cidade”. Deste modo, “esta actuación é moi necesaria ao dar servizo a moitos veciños destas dúas zonas da localidade, ademais de que estamos ante unha cuestión de eficiencia no uso dos recursos públicos, pouco compatible co feito de ter as vías pechadas”, consideran.

O PP valora a implicación da Xunta co Porto Seco

Julia Rodríguez lembra que o Porto Seco de Monforte, naceu coa vocación de ser un revulsivo que revitalizaría a economía da Terra de Lemos sendo o actual Goberno da Xunta de Feijóo o que lle deu o impulso necesario, acometendo as obras de urbanización e posteriormente as do acceso coa LU-933 “a pesares da situación de crise que estábamos a vivir”.

Ademais, engade que “son varias as actuacións que o Goberno galego levou a cabo para favorecer a implantación de empresas no Porto Seco, dende a redución do prezo do solo, a declaración de proxectos singulares a dúas empresas interesadas en implantarse no Porto Seco e mesmo a elaboración do proxecto para solucionar os problemas de saneamento, colaborando economicamente no 50% do custo da depuradora, pese a que o que impedía a conexión do saneamento era o mal estado da rede municipal, é dicir, un problema de ámbito local que a administración autonómica veu a resolver, propoñendo unha solución e mesmo colaborando nos gastos da súa execución”.

Por último, Julia Rodríguez recorda que, postos en servizo os 2 km do acceso do Porto Seco ata a LU-933, está en tramitación a súa continuación ata a N-120, para o que houbo que facer unha importante modificación do proxecto que a conectaba co proxecto da A-76.

Novas

Redes Sociais