Novas

Martes, 28 de novembro de 2017

Os populares preguntaron no Pleno de onte ao rexedor polos motivos que o levaron a non solicitar estas axudas e “unha vez máis segue a botar balóns fóra, xa que as explicacións que deu non son nin cribles nin certas”

O PP de Monforte denuncia que o alcalde deixase de solicitar as axudas do 1% cultural “por falta de traballo e de proxectos para a cidade”

Julia Rodríguez insta ao alcalde a implicarse con Monforte xa que “na nosa cidade existe un numeroso patrimonio necesitado de actuacións urxentes”

Os populares reproban que o alcalde “estea centrado soamente en criticar á Xunta e en reclamarlle que lle solucionen todo, cando el non fai nin o mínimo, que é tramitar unha subvención”

O Grupo Municipal do PP de Monforte denuncia que o alcalde deixase de solicitar as axudas do 1% cultural que ofrece o Ministerio de Fomento “por falta de traballo e por non desenvolver proxectos para a nosa cidade”.

A voceira do Grupo Municipal Popular, Julia Rodríguez, lembra que no Pleno de onte o alcalde respondeu a unha pregunta rexistrada polos populares na que se interesaban polos motivos que levaron ao alcalde a non ter solicitado estas axudas do 1% cultural pese a que “na nosa cidade existe numeroso patrimonio necesitado de actuacións urxentes”.

Julia Rodríguez considera que a resposta dada polo rexedor demostra que “unha vez máis segue a botar balóns fóra, xa que as explicacións que deu non son nin cribles nin certas”. A popular explica que o rexedor socialista argumentou que dende o Ministerio lle aseguraran que nesta orde de axudas se priorizan as cidades, “unha afirmación que non é certa, ademais que de ser así, Monforte é unha cidade”. A voceira engade ao respecto que a incompetencia do alcalde “chega ata o punto de non facer nada para solicitar estas axudas e despois xustifícase nunha hipotética chamada ao Ministerio, tal e como asegurou onte, que non cremos en ningún caso, xa que ningún funcionario vai dicir unha cousa diferente da que figura na convocatoria de axudas, onde nada di deste tipo de prioridade ás cidades”. Dende o Grupo Popular lamentan que o rexedor “no afán de xustificar a súa incompetencia diga calquera cousa”.

A voceira precisa que “Monforte conta con todos os requisitos para acceder a estas axudas e non podemos entender que non se estean a aproveitar estas oportunidades como así fan outros concellos e que ademais se escuden en argumentos infundados para xustificar a súa falta de traballo a prol dos veciños”. En concreto, Julia Rodríguez asegura que o alcalde mente e exemplifica que outras localidades como Mondoñedo teñen solicitado este tipo de axudas coa expectativa de que lle sexan concedidas.

O Grupo Municipal Popular critica que “o alcalde estea centrado só en botarlle a culpa á Xunta de Galicia de todo, menos daquilo que o favorece, que nestes casos expón que son méritos del e sae na foto; e non sexa quen nin de facer o mínimo, que é tramitar unha subvención”. Así, “lamentamos que xustifique esta desidia á hora de solicitar as axudas do 1% nunha mentira tan burda, pero aínda lamentamos máis que tendo tanto por facer na muralla, non sexa capaz de pedilas”.

Polo tanto, desde o PP denuncian que o Goberno local en mans do PSOE siga a traxectoria do anterior e non teña elaborado ningún proxecto que permita acceder a estas subvencións. “Desde a chegada do señor Tomé á Alcaldía, hai xa máis de dous anos, non se coñece planificación algunha para reclamar estes fondos con cargo ao 1% cultural, o que permitiría actuar en numerosos edificios da cidade”.

Por último, Julia Rodríguez lembra que o Ministerio de Fomento convocou o pasado mes de xuño, mediante a súa publicación no BOE, as axudas para financiar traballos de conservación e enriquecemento de bens inmobles do Patrimonio Histórico Español, dentro do programa 1,5% cultural.

Novas

Redes Sociais