Novas

Sábado, 2 de decembro de 2017

Os populares remitiron un rogo a José Tomé tras recibir diferentes queixas dos veciños que alertan da existencia de abundante maleza preto das súas casas

O PP de Monforte solicita que o alcalde “cumpra e faga cumprir” a ordenanza reguladora da limpeza de terreos e camiños municipais para evitar o risco de incendios

Julia Rodríguez tamén pide que o Concello limpe os camiños municipais e non só os próximos ás vivendas, senón tamén aqueles que pola súa situación poidan ser útiles e necesarios en caso de incendio

O Grupo Popular critica tamén o estado de abandono que ofrecen as inmediacións do Camiño de Inverno

O Grupo Municipal do PP de Monforte rexistrou un rogo a través do que solicita que o alcalde, o socialista José Tomé, “cumpra e faga cumprir” a ordenanza reguladora da limpeza de terreos, distancia das plantacións e xestión da biomasa así como tamén do desbroce dos camiños municipais “de maneira especial naquelas fincas, tanto das parroquias como do casco urbano, onde a maleza está próxima ás vivendas, ás explotacións ou a outro tipo de elementos, o que representa un risco grave no caso de incendios”.

Os populares trasladan esta petición ao alcalde tras recibir diferentes queixas de veciños que alertan da existencia de abundante maleza preto das súas casas. A voceira do Grupo Municipal Popular, Julia Rodríguez, asegura que despois da vaga de lumes que afectou a Monforte “xerouse unha importante preocupación entre os veciños por mor do incumprimento da ordenanza que obriga a manter as fincas limpas e desbrozadas para que estes terreos reúnan as debidas condicións de seguridade e salubridade”.

Así, a existencia de maleza nas inmediacións de vivendas en distintos puntos do concello “lévanos a presentar este rogo para que se cumpra e máis fagan cumprir a ordenanza para evitar os riscos que se poden xerar para as vivendas en casos de lume”. A popular cita exemplos como os dados en Vide; en Baamorto, onde mesmo existe maleza nunha finca de titularidade municipal; en Chevaga, e no resto das parroquias, pero tamén en solares ao redor do casco urbano.

Limpeza dos camiños

Os populares solicitan a maiores que o Concello proceda a limpar os camiños municipais e, no caso das parroquias, “non só os máis próximos ás vivendas, senón tamén aqueles que pola súa situación poidan ser útiles e necesarios en caso de incendios”. Dende o Grupo Popular lembran que a falta de limpeza ten impedido en moitos casos o acceso da maquinaria necesaria para apagar os lumes ou “para levar a cabo contramedidas que permitiran protexer a propiedade e as vivendas”. Julia Rodríguez lamenta que esta situación “teña provocado que se deba recorrer a outras alternativas cos danos correspondentes ao non poder facer uso dos camiños municipais”.

Por último, dende o Grupo Popular critican o estado que presentan as inmediacións do Camiño de Inverno, con límites polos que transcorre esta ruta a Compostela “sen limpar” o que ofrece unha imaxe “moi negativa aos peregrinos que elixen esta senda para chegar a Santiago”.

Novas

Redes Sociais