Novas

Xoves, 7 de decembro de 2017

Os populares visitaron as obras e reuníronse cos veciños que lles trasladaron o seu malestar porque as actuacións só inclúen a pavimentación da parte central da rúa, o que implica que as marxes da vía, ata os peches de casas e fincas “quedarán ou ben de terra ou ben como foron arranxadas polos propios veciños”

O PP de Monforte esixe que se pavimente todo o ancho da rúa Cobas de tal forma que o firme se estenda ata os peches e vivendas adxacentes

Julia Rodríguez anuncia que o Grupo Popular levará unha moción a Pleno a través da que pide que se fagan as xestións necesarias, de modificación do proxecto ou de execución dunha obra complementaria, para que a pavimentación desta rúa se faga en condicións axeitadas para o uso que lle é propio e que incorpore ademais un sistema de recollida de augas

O Grupo Municipal do PP de Monforte insta ao alcalde a que acometa a pavimentación íntegra da rúa Cobas, actuando, polo tanto, “en todo o ancho da vía e de tal forma que o firme se estenda ata os peches e vivendas adxacentes”. Así, a voceira do Grupo Municipal do PP e deputada autonómica, Julia Rodríguez, anuncia que levarán unha moción a Pleno a través da que piden que se fagan as xestións necesarias, de modificación do proxecto ou de execución dunha obra complementaria, para que a pavimentación desta rúa se faga en condicións axeitadas para o uso que lle é propio e que incorpore ademais un sistema de recollida de augas.

Julia Rodríguez explica que “visitamos as obras e falamos cos veciños que nos trasladaron o seu malestar xa que, segundo nos din, as actuacións só inclúen a pavimentación da parte central da rúa, o que implica que as marxes da vía, ata os peches de casas e fincas, quedarán ou ben de terra ou ben como foron arranxadas polos propios veciños”.

Ante esta situación, Julia Rodríguez trasladoulle ao alcalde “o rexeitamento” que están a ter estas obras por parte dos veciños ao que o rexedor di que as actuacións se farán como está no proxecto. Así, os acometidos iniciais que se están a desenvolver “deixan entrever que a pavimentación da rúa non se realizará de forma integral” .

A popular considera que a pavimentación da rúa Cobas, nestas condicións, ao igual que sucedeu con outras vías, “non pretende dar unha verdadeira resposta aos problemas que presenta a rúa de maneira que quede en boas condicións para un longo período de tempo, senón que o que buscan dende o Goberno local é dar soamente unha imaxe de mellora, con obras superficiais que dentro de pouco precisarán de novas actuacións”. Para os populares, esta actuación é exemplo “dunha mala maneira de xestionar os recursos públicos”.

Consecuencias

Os populares explican que o feito de non pavimentarse toda a rúa, de xeito que o firme se estenda ata as marxes e ata as fincas adxacentes, provoca que espazos de terra dos laterais se deixen a un nivel superior ao da estrada ou mesmo en pendente, polo que, “non contando este rúa coa infraestrutura de recollida de augas, as mesmas verterán sobre o pavimento ou mesmo cara as vivendas da outra marxe”.

Ademais, a pavimentación só na parte central da rúa, sen dotar de firme á vía ata as marxes, “creará un problema de seguridade ao obrigar aos peóns a circular pola estrada, ao non poder facelo polas marxes de terra”, censuran dende o Grupo Popular, que precisan que “son moitos os peóns que transitan por esta vía dende que se abriu ao público o paseo do río ata Piñeira”.

Polo tanto, dende o Grupo Municipal instan ao rexedor “a adoptar as medidas necesarias para a pavimentación da rúa Cobas en toda a súa anchura, ata os peches e as vivendas adxacentes, de maneira que os veciños e usuarios desta rúa poidan facer uso da mesma en condicións óptimas de tránsito e seguridade para vehículos e peóns, recorrendo para tal fin a unha modificación do proxecto que se está a acometer ou a unha obra complementaria da que se está a executar na rúa Cobas, incorporando un sistema de recollida de augas”.

Por último, o Grupo Municipal do PP ten solicitado en reiteradas ocasións a mellora do pavimento de numerosas rúas e vías das parroquias, entre elas a de Cobas, “debido ao mal estado en que se atopan os seus asfaltados, con numerosos socavóns ou un desgaste moi acentuado, que non se corresponde co estado de mantemento mínimo que debe presentar unha rúa en plena zona urbana ou unha vía que dá acceso a unha parroquia”, lembra Julia Rodríguez.

Novas

Redes Sociais