Novas

Xoves, 15 de decembro de 2017

Os populares explican que a día de hoxe a Ordenanza Fiscal Reguladora do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras só regula unha bonificación do 30% e entenden que as obras que sexan declaradas de interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, históricas artísticas ou de fomento da ocupación, deben ser merecedoras dun maior recoñecemento do que prevé agora a ordenanza e sempre no marco que establece a LRFL

O PP de Monforte pedirá en Pleno unha bonificación do 90% do ICIO en obras realizadas por entidades de carácter social ou declaradas de utilidade pública

Julia Rodríguez defende que as entidades que desenvolven actividades de interese social cultural, histórico-artísticas ou de fomento da ocupación deben beneficiarse dunha maior bonificación xa que as súas actividades “redundan positivamente no conxunto da sociedade”

O Grupo Municipal do PP de Monforte pedira no próximo Pleno ao alcalde que modifique a ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), de tal xeito que bonifique nun 90% a entidades de carácter social declaradas de utilidade pública, que realicen obras dirixidas ao desenvolvemento dos seus fins sociais.

A voceira do Grupo Municipal do PP, Julia Rodríguez, explica que na actualidade o artigo 7e da Ordenanza Fiscal reguladora do ICIO establece unha bonificación do 30% na cota do imposto das obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, históricas- artísticas ou de fomento da ocupación que o xustifiquen.

Dende o Grupo Popular entenden que as obras que sexan declaradas de interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, históricas artísticas ou de fomento da ocupación, deben ser merecedoras dun maior recoñecemento do que establece agora a ordenanza e sempre no marco que prevé a Lei de Facendas Locais.

“Defendemos que as entidades que desenvolven actividades de interese social cultural, histórico artísticas ou de fomento da ocupación deben beneficiarse dunha maior bonificación xa que as súas actividades “redundan positivamente no conxunto da sociedade”, precisa Julia Rodríguez.

Normativa vixente

Así, na exposición da súa moción os populares explican que a incorporación ás ordenanzas fiscais do Concello de Monforte das disposicións do Protocolo Doing Business formalizado entre a Xunta e a Fegamp, determinou unha serie de bonificacións, “algunhas das cales este grupo propuxera no seu día a modo de emenda e que foran rexeitadas polo equipo de Goberno”, lembra Julia Rodríguez.

Entre elas, establécese unha bonificación potestativa de ata o 95% para as construcións, instalacións e obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego, regulada no art. 103.2a) da Lei de Facendas Locais, 2/2004, “sendo de aplicación unicamente a aqueles supostos de implantación dunha nova actividade económica ou empresarial, así como a aqueles outros que consistan nunha ampliación das instalacións sempre e cando implique creación de emprego”, explican.

Porén dende o PP, engaden que a bonificación potestativa que establece o art. 103.2a) da LRFL, permite máis amplitude ao establecer que as ordenanzas fiscais poderán regular bonificacións sobre a cota do importe de ata o 95 % tamén a “favor das construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais culturales, histórico artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración. Corresponderá dita declaración ao Pleno da Corporación e acordarase, previa solicitude do suxeito pasivo, por voto favorable da maioría simple dos seus membros”.

Petición do Grupo Popular

Polo tanto, o Grupo Popular entende que se a creación de emprego debe ser digna da máxima bonificación, tamén as obras que sexan declaradas de interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, históricas artísticas ou de fomento da ocupación, deben ser merecedoras dun maior recoñecemento, do que prevé agora a ordenanza.

Así, na súa iniciativa os populares piden a modificación do artigo 7 e da ordenanza de xeito que quede redactado nos seguintes termos: “90% na cota do imposto polas demais obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, históricas artísticas ou de fomento da ocupación que o xustifiquen, á solicitude dos interesados mediante memoria xustificativa en apoio de tal prestación. As bonificacións deberán solicitarse simultaneamente á solicitude da licenza de obras, achegando a documentación que acredite a concorrencia das circunstancias que dean dereito ás mesmas. O recoñecemento das bonificacións aludidas corresponderá ao Pleno, co voto da maioría simple dos seus membros, sen prexuízo das delegacións que poidan proceder segundo a normativa vixente. As devanditas bonificacións quedarán sen efecto por non cumprirse as condicións por razón das cales se concederon as mesmas”.

Novas

Redes Sociais