Novas

Xoves, 26 de setembro de 2013

A portavoz do PP de Monforte pon ao descuberto a redución do estacionamento na zona do ambulatorio

Julia Rodríguez reclama que se adopten medidas para incrementar o número de prazas de aparcamento na contorna do malecón

 

O Grupo Municipal do PP lamenta que se pagaran máis de 1.000 euros polo solar da Cerca cando o seu prezo real é de 237 euros e a súa demanda moito menor que a doutras zonas da cidade

A portavoz do Grupo Municipal Popular, Julia Rodríguez, reclama ao Goberno local que adopte medidas para incrementar o número de prazas de aparcamento na contorna do malecón. Os populares realizan esta petición logo de comprobar que o Concello aumentou a liña amarela que prohibe o estacionamento na contorna do ambulatorio coa conseguinte redución do número de prazas nas que poder deixar os vehículos.

O Grupo Municipal do PP explica que na zona existe un ambulatorio que xera demanda de prazas para traballadores e usuarios, así como un centro escolar próximo e a zona comercial peonil da Rúa do Comercio e a Calle Hortas, onde tamén se eliminaron aparcamentos.

Previamente a este feito, o PP veu denunciado o descenso no número de prazas de aparcamento na Praza das Clarisas, a Praza Doutor Goyanes, en Cálea Hortas e en propio malecón, "polo que a zona dispón na actualidade dunha dotación insuficiente de estacionamento atendendo á demanda que xera". Julia Rodríguez indica que adoptar medidas para racionalizar o tráfico é entendible, pero deben ser compaxinadas coa adopción de solucións que faciliten o estacionamento de vehículos, sobre todo tratándose dunha zona especialmente castigada".

Gastos inxustificados en aparcamentos

Os populares poñen o acento ademais no informe municipal que acaba de facerse público no que se demostra, tal e como advertira o PP, que o custo que se pagaba polo aparcamento da Cerca era excesivo. O informe cifra o prezo correcto nos 237 euros, mentres que o Concello pagou de xeito inxustificado máis de 1.000 euros durante varios anos por este solar.

Julia Rodríguez lamenta que se soportara un gasto tan elevado aínda sen existir demanda suficiente, sen que se tomen outro tipo de medidas en zonas da cidade nas que as que existen verdadeiros problemas para aparcar. "É habitual ver as prazas de Doutor Goyanes e Clarisas con vehículos indebidamente estacionados por causa da imposibilidade de deterse ata de forma puntual", engade a portavoz.

Novas

Redes Sociais