Novas

Venres, 05 de xaneiro de 2018

Os populares póñense á disposición dos propietarios das parcelas polas que discorre a futura estrada para asesoralos ante calquera consulta ou dúbida que desexen tras que o DOG de onte publicase a relación individual de bens e dereitos polos que pasarán as obras

O PP de Monforte ofrece asesoramento aos propietarios das parcelas polas que discorre o trazado da nova vía de conexión do Porto Seco coa N-120

Julia Rodríguez informa de que na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Vivenda xa está á disposición dos afectados o documento completo do proxecto do trazado

Os populares tamén manifestaron a súa satisfacción polo avance que se está a dar na tramitación deste proxecto e agradecen o compromiso amosado pola Xunta de Galicia

O Grupo Municipal do PP lembra que o Diario Oficial de Galicia de onte publicou a relación individual de bens, dereitos e propietarios de fincas polas que discorre o trazado da nova vía de conexión do Porto Seco coa N-120, co obxecto de que poidan presentar cantas alegacións ou rectificacións consideren convenientes en canto aos bens e dereitos na relación que figura no DOG. Así, os populares póñense á disposición dos propietarios das parcelas para asesoralos ante calquera consulta ou dúbida que desexen

A voceira dos populares de Monforte e deputada autonómica, Julia Rodríguez, recomenda aos propietarios que consulten o Diario Oficial de Galicia do día de onte e que “ante calquera dúbida ou cuestión que precisen, poden poñerse en contacto con noutros, para entre todos resolver coa maior axilidade posible este proceso e en beneficio de todos”, precisou a popular, quen engadiu que as alegacións poden presentarse por particulares ou organismos antes do 15 de febreiro de 2018.

Julia Rodríguez informa que a exposición ao público realízase na Axencia Galega de Infraestruturas (San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela), no Servizo de Infraestruturas de Lugo (rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo), e na Casa do Concello de Monforte de Lemos (Campo de Santo Antonio, s/n, 27400 Monforte de Lemos. Lugo). Así mesmo, na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Vivenda (http://civ.xunta.gal/seccion-organizacion/c/CIV_Axencia_Galega_de_Infraestruturas), xa está á disposición dos interesados o documento completo do proxecto de trazado.

Polo tanto, a popular lembra que o DOG de onte recolle a publicación da resolución pola que se somete ao trámite de información pública, durante o prazo dun mes, do proxecto de trazado da conexión do porto seco de Monforte de Lemos coas estradas autonómicas LU-933 e Nacional-120, amais, tal e como explicou, a relación individual de bens, dereitos e propietarios de bens por onde pasan as futuras obras. Deste xeito, desenvolvese nun só acto o trámite de información pública e o relativo ás expropiacións “co obxecto de darlle axilidade ao proceso”.

Satisfacción polo avance na tramitación deste proxecto

Julia Rodríguez tamén manifestou a satisfacción dos populares polo avance que se está a dar na tramitación deste proxecto, que suporá un investimento “moi importante de 4,5 millóns de euros”, e agradece o compromiso amosado sempre pola Xunta de Galicia. A popular lembra que o Porto Seco de Monforte naceu coa vocación de ser un revulsivo que revitalizaría a economía da Terra de Lemos sendo o actual Goberno da Xunta de Feijóo o que lle deu o impulso necesario, acometendo as obras de urbanización e posteriormente as do acceso coa LU-933 “a pesares da situación de crise que estábamos a vivir”.

Ademais, engade que “son varias as actuacións que o Goberno galego levou a cabo para favorecer a implantación de empresas no Porto Seco, dende a redución do prezo do solo, a declaración de proxectos singulares a dúas empresas interesadas en implantarse no Porto Seco e mesmo o remate das obras de construción da nova depuradora, financiadas nun 50 por cento pola Xunta de Galicia pese a ser un ámbito de competencia municipal”.

Por último, Julia Rodríguez recorda que, postos en servizo os 2 km do acceso do Porto Seco ata a LU-933, avánzase agora na tramitación para a súa continuación ata a N-120.

Novas

Redes Sociais