Novas

Xoves, 11 de xaneiro de 2018

Os populares pedirán no próximo Pleno a elaboración de dito inventario e que se adopten as decisións oportunas respecto destes inmobles que permitan garantir a seguridade dos transeúntes e evitar que se repitan sucesos como os sufridos nos últimos días, que provocaron incluso danos nun vehículo estacionado nas inmediacións do edificio que se veu abaixo

O PP de Monforte solicita ao Concello a elaboración dun inventario de edificios en ruína coa finalidade de emprender as actuacións oportunas para garantir a seguridade cidadá

Julia Rodríguez explica que existen moitas vivendas en estado de ruinoso, o que entraña un considerable risco para as persoas, sen que se estean a tomar as medidas de seguridade oportunas para evitar danos persoais e materiais

O Grupo Municipal do PP de Monforte solicita ao Concello a elaboración dun inventario de edificios en ruína ou con risco de derrubamento ou desprendemento de elementos sobre a vía pública ou vivendas adxacentes, coa finalidade de que se adopten as medidas oportunas ao respecto destes inmobles inventariados, que permitan garantir a seguridade cidadá e impedir que se sufran danos persoais e materiais.

En concreto, os populares pedirán a través dunha moción no próximo Pleno a elaboración de dito inventario co obxecto de que se requira aos seus propietarios para que tomen as medidas necesarias ou, de ser o caso, o Concello adopte as actuacións oportunas segundo establece a lei para evitar casos de derrubamentos que poden ocasionar perigos para os cidadáns.

A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular, Julia Rodríguez, explica que “son moitas as edificacións no noso concello que representan un risco para as persoas, xa sexa porque ameazan derrubamento polos danos estruturais que presentan ou mesmo risco de caída de elementos que se poden desprender das súas xanelas, galerías, fachadas ou cubertas”. A popular lembra que nos últimos anos se teñen producido varios derrubamentos, incluso recentemente se produciron danos materiais nun vehículo; “un mal menor”, segundo Julia Rodríguez, “se consideramos o risco que este edificio representaba para as persoas ou se este derrubamento se tivese producido ao paso da Cabalgata de Reis que desfilou aos poucos días polo mesmo lugar”.

Julia Rodríguez tamén recorda que non é a primeira vez que o Grupo Popular advirte destes riscos e que propón actuacións relacionadas con vivendas que representan un perigo para os viandantes. Neste senso, engade que “tamén temos coñecemento de escritos presentados por veciños demandando actuacións do Concello en relación a edificacións ou solares adxacentes que ameazan ruína ou risco para os veciños, aos que non se lles ten dado resposta”.

Inmobles en ruína

Julia Rodríguez tamén indica que en Monforte existen multitude de inmobles en ruína. Así, segundo o PEPCHA, dos 1029 edificios que compoñen o casarío obxecto do plan, o 8,75% está en mal estado e o 32,4% regular mentres que o 42’37% das vivendas están baleiras. Ademais, segundo engade a popular, “si consideramos o resto dos inmobles fóra do espazo que comprende o PEPCHA, a situación non mellora pois atopamos un gran número de edificios deshabitados, en mal estado e mesmo en estado ruinoso”.

Polo tanto, ante a situación que se está a dar en Monforte, os populares demandan unha actuación “máis ambiciosa” por parte do Concello.

Novas

Redes Sociais