Novas

Luns, 15 de xaneiro de 2018

Os populares acusan ao rexedor de non ter un plan real para este espazo e de actuar todo este tempo de xeito improvisado para consolidar a desfeita do baixo

O PP de Monforte considera que o parón no proxecto do alcalde para o Hotel Comercio e as súas ocorrencias deixan á vista a súa incompetencia

O PP recorda que o Goberno local destina nos Orzamentos de 2018 unha contía de 20.000 euros para equipar as oficinas do Consorcio de Turismo e do peregrino, contía que debera ser suficiente, polo que “o que non sabe é como xestionalo nin qué facer con el”

Amosan a súa sorpresa porque agora pense na xestión a través dunha empresa privada cando a Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra se ofreceu a asumir o traballo de xeito desinteresado

Julia Rodríguez asegura que o tempo unha vez máis “nos vén a dar a razón, polo que queda demostrado que o socialista actuou froito dun capricho persoal, ao igual que fixo ao non querer aplicar as bonificación do ICIO en obras realizadas por entidades de carácter social ou declaradas de utilidade pública”

A voceira do PP de Monforte, Julia Rodríguez, considera que o parón no proxecto do alcalde para o baixo do Hotel Comercio e as ocorrencias das que hoxe dan conta os medios de comunicación deixan á vista “unha vez máis” á incompetencia do rexedor.

Tal e como os populares coñecen a través da prensa o Goberno local di agora que a falta de financiamento lastra a apertura do centro do peregrino. Na información o alcalde recoñece ademais que non teñen decidido o tipo de xestión que rexerá no centro do peregrino. O PP amosa a súa sorpresa porque o alcalde pense agora nunha empresa privada cando se negou a cederllo á Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra pese a ter acreditado o seu traballo. “É un absoluto despropósito”, sinalan.

20.000 euros para o equipamento

O PP recorda que o Goberno local destina nos Orzamentos de 2018 unha contía de 20.000 euros para equipar as oficinas do Consorcio de Turismo e do peregrino, contía que debera ser suficiente, “polo que o que non sabe é como xestionalo nin qué facer con el”. Os populares queren saber ademais cómo afectou o cambio que fixo o alcalde no proxecto ao resultado final da reforma.

“Non é un problema de equipamento, senón de improvisación e de falta de proxecto, por iso segue mareando a perdiz porque non sabe qué facer co baixo”, engaden. Os populares sosteñen que o baixo se debera dedicar en exclusiva ao centro de recepción de peregrinos. “Esnaquizou un proxecto e un local que podería ser determinante para promover o camiño desatendendo o interese xeral e atendendo ao seu ego e a súa vanidade”.

A improvisación move ao equipo de Goberno

Os populares acusan ao rexedor de non ter un plan real para este espazo, de ter actuado todo este tempo de xeito improvisado para consolidar a desfeita do baixo, pese á oposición que ten amosado a oposición en bloque.

Julia Rodríguez asegura que o tempo unha vez máis “nos vén a dar a razón, polo que queda demostrado que o socialista actuou froito dun capricho persoal, ao igual que fixo recentemente ao non querer aplicar as bonificación do ICIO en obras realizadas por entidades de carácter social ou declaradas de utilidade pública”.

“Ao final vese o que vimos dicindo durante meses, que o alcalde non ten un proxecto para o baixo, máis alá de querer esnaquizalo compartimentando o espazo de maneira que non vai ser útil para o fin que se persegue. Co seu capricho, e pese a o criterio en contra da oposición, o alcalde perpetrou o seu ataque ao patrimonio da cidade cun resultado nefasto”, lamenta Rodríguez.

Novas

Redes Sociais