Novas

Luns, 22 de xaneiro de 2018

Os populares inciden na urxente necesidade de intervir na estrada que une Monforte con Sober, nomeadamente ao seu paso pola parroquia de Piñeira

O PP de Monforte pide que o Concello lle traslade de novo á Deputación a necesidade de actuar en diversas estradas provinciais ao seu paso pola localidade

Julia Rodríguez recorda que son peticións que xa teñen sido aprobadas en sesións plenarias da Corporación local, polo que demandan que se lles recorde de novo para que o Goberno provincial poida darlles cumprimento

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou un rogo para o vindeiro Pleno no que pide que se traslade á Deputación Provincial de Lugo a necesidade de actuar en diversas estradas provinciais mellorando a súa seguridade viaria, no marco do Plan de Estradas, e de maneira especial no que atinxe á estrada que une Monforte con Sober. Deste xeito daríaselle cumprimento ao interesado pola Corporación monfortina, a instancia deste Grupo, en relación á seguridade viaria desta estrada, adoptando as medidas necesarias, e de modo particular, as propostas en relación ao seu paso pola parroquia de Piñeira.

Os populares levaron a cabo unha revisión do estado das estradas provinciais que discorren polo Concello de Monforte. Desta observación detectaron a necesidade de facer as seguintes actuacións:

-A mellora do pavimento e da sinalización horizontal na LU-3202 (Monforte-Baamorto-Fiolleda) especialmente a partir do pk 8.

- A mellora da sinalización horizontal na LU-P-3204 no entorno de Moreda.

- De maneira especial, insístese na necesidade de que se leve a cabo a mellora da seguridade viaria na LU-P-3201, que une Monforte con Sober; concretamente o seu paso pola parroquia de Piñeira; neste punto, a pesar de que atravesa un núcleo poboacional e o separa quedando servizos públicos a ambos lados da estrada, carece de pasos peonís, redutores de velocidade, e unha axeitada sinalización vertical e horizontal. Carece tamén dos axeitados arcéns ou marxes delimitados, isto é, zonas de tránsito peonil, que permitan o desprazamento dos peóns en condicións axeitadas de seguridade, a pesares de existir vivendas en ambas as dúas marxes da calzada.

A petición xa foi avalada polo Pleno

Estas peticións coinciden, recordan os populares, coas recollidas en sendas mocións deste grupo aprobadas en novembro de 2013 e setembro de 2016.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, sinala que “ata de agora, e a pesares de ser trasladados estes acordos plenarios á Deputación Provincial, non ten sido quen de actuar mellorando a seguridade viaria desta estrada provincial o seu paso por Piñeira, concretamente nos cruces que levan a Rigueira e As Bodegas”.

“Ademais destes acordos plenarios, son moitos os accidentes que se teñen producido nesta estrada que une Monforte con Sober, e pola que circulan a diario moitos veciños de ambos os concellos, sen que a Deputación Provincial teña feito nada para mellorar a seguridade viaria desta estrada”, lamenta.

Novas

Redes Sociais