Novas

Sábado, 20 de xaneiro de 2018

Os populares presentaron unha alegación que contén unha batería de peticións ao considerar que o Plan Especial do Conxunto Histórico-Artístico é substancialmente mellorable

O PP de Monforte solicita que o PEPCHA sexa sometido de novo a exposición pública unha vez se atendan as alegacións presentadas e antes de acometer a súa aprobación definitiva

Julia Rodríguez lamenta que a súa redacción se levara a cabo de forma velada, sen outra participación que a do equipo de Goberno local e o equipo redactor

Censuran que non haxa plans máis ambicioso para os espazos públicos, como é o caso da Compañía ou a Praza de España, entre outros; escenarios desaproveitados pese a ofrecer grandes posibilidades

O Grupo Municipal do PP de Monforte vén de presentar unha alegación ao Plan Especial do Conxunto Histórico-Artístico (PEPCHA) ao considerar que o texto é substancialmente mellorable. Os populares solicitan ademais que o documento sexa sometido de novo a exposición pública unha vez se atendan as alegacións presentadas e antes de acometer a súa aprobación definitiva.

O PP bota en falta un plan máis ambicioso, nomeadamente na contorna pública onde deberan se potenciar zonas singulares da cidade e non focalizar só nos puntos máis significativos “para os que tampouco achegan solucións atractivas nin interesantes”. Os populares lamentan que non se faga referencia a contornas con interese e atractivo, como pode ser a Praza de España na que a única proposta “irracional” é poñer árbores cando é unha praza chamada a ser un importante referente na cidade. O mesmo ocorre coa Compañía, un escenario desaproveitado que ofrece grandes posibilidades, pero nin atenderon ás peticións dos veciños nin á proposta do PP para crear un concurso de ideas que mellore o espazo cando é un lugar que merece unha especial atención.

Desde o Grupo Municipal explican que a aprobación dun plan especial de protección é un asunto de capital importancia, polo que lamentan que a súa redacción se realizara de forma velada, sen outra participación que a do equipo de Goberno local e o equipo redactor. “Non se tivo en conta aos grupos da oposición, tampouco aos axentes, técnicos e construtores que pola súa experiencia no medio poderían ter achegado os seus coñecementos”, censura a voceira dos populares, Julia Rodríguez.

Sumar a opinión de todos

O PP critica ademais que non se tivera interese en coñecer os problemas e necesidades dos habitantes de Monforte. Así, para presentar a súa alegación o PP recolleu a opinión e atendeu aos criterios expostos polos veciños e, de modo particular, dos técnicos e construtores locais. Non se trata, precisan, de desenvolver un plan alternativo, senón de poñer de manifesto certas cuestións que pretenden mellorar o contido do plan.

En concreto

Os populares advirten na súa alegación que non se aprecia un estudo profundo das arterias, senón que a proposta do plan se limita a certas recomendacións sobre a ordenación do tráfico e a renovación de instalacións. Non existe unha análise dos órganos vitais- dotacións, zonas verdes, espazos de significación especial- e a súa relación co territorio, polo que non se propoñen actuacións vigorizantes, nin se contempla a dotación orzamentaria necesaria para parte da zona verde, de nova creación, que se propón na ladeira suroeste de San Vicente, englobada coa zona verde da contorna dos depósitos de auga. Tampouco se ocupa de analizar con seriedade a conformación do construído.

O PP pide as seguintes modificacións:

1. Que clarifiquen os documentos que compoñen o plan, textos e gráficos, e resulten intelixibles e concretos.

2. Que se corrixan as deficiencias e se completen as fichas de catalogación.

3. Que as determinacións das Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal desaparean como tales integradas como propias do plan.

4. Que os Estudos de Detalle desaparezan, de modo que sexa o propio plan o que realice o seu cometido.

5. Que as medidas previstas para visibilizar e potenciar o Camiño de Inverno a Santiago se reforcen.

6. Reformular as actuacións permitidas nos inmobles que delimitan o perímetro do Campo da Compañía, para que se poida obter unha fronte harmónica que minimice o desagradable efecto que xeran as edificacións que asoman sobre eles.

7. Que se incorpore unha proposta de ordenación da explanada que constitúe o Campo da Compañía, co fin de dotala da vitalidade necesaria para convertela no núcleo da Ribeira Sacra.

8. Que se harmonicen as alturas máximas permitidas –en especial nas Zonas de Respecto do BIC–.

9. Que se flexibilicen as determinacións sobre os usos permitidos en cada inmoble.

10. Que se considere a diversidade tipolóxica dos edificios á hora de establecer as actuacións que se permiten neles.

11. Que se reconsideren as prescricións relativas á agrupación de edificios coa fin de evitar illar construcións demasiado estreitas.

12. Que se evite a sobre protección dos edificios catalogados no Nivel 4.

13. Que se corrixan as deficiencias e se complete o FICHEIRO DE ELEMENTOS DO ESPAZO PÚBLICO.

14. Que se racionalicen as actuacións nas instalacións xerais.

15. Que se contemple a actuación diferenciada na pavimentación en función dos diversos ámbitos.

16. Que se potencien as especies vexetais autóctonas.

Ademais, engaden, é fundamental que tras unha análise profunda, se establezan propostas ambiciosas para revitalizar as arterias, os sistemas xerais (dotacións, zonas verdes e espazos de significación especial) e se elaboren determinacións sobre actuacións en inmobles, adaptadas a cada situación (rúa, praza ou explanada).

Novas

Redes Sociais