Novas

Martes, 23 de xaneiro de 2018

Os populares lembran que a día de hoxe o rexedor monfortino non amosou a súa disposición á hora de facer efectivo un acordo plenario que redundaría tanto no beneficio de entidades sen ánimo de lucro como na economía local, pese a que existe un informe de Secretaría que avala a legalidade da proposta de incrementar ata o 90% a bonificación do imposto sobre obras con fins sociais

O PP de Monforte pregunta ao alcalde se dará cumprimento ao acordo plenario sobre a bonificación do imposto do ICIO a entidades con fins sociais

Julia Rodríguez tamén pedirá a opinión do rexedor sobre os prexuízos que está a ocasionar a demora no cumprimento deste acordo e que está a provocar que a entidade Prodeme anunciase a súa renuncia a un proxecto que implicaría un investimento superior a un millón de euros

O Grupo Municipal do PP de Monforte rexistrou unha pregunta para a súa resposta no próximo Pleno por parte do alcalde a través da que queren saber se o rexedor dará cumprimento ao acordo plenario adoptado no mes de decembro sobre a bonificación do 90% no Imposto de Construcións, Instalacións e Obras a entidades sociais ou declaradas de utilidade pública que realicen obras dirixidas ao desenvolvemento dos seus fins sociais.

Os populares lembran que a día de hoxe o rexedor monfortino non amosou a súa disposición á hora de facer efectivo un acordo plenario que redundaría tanto no beneficio de entidades sen ánimo de lucro como na economía local, pese a que existe un informe de Secretaría que avala a legalidade da proposta de incrementar ata o 90% a bonificación do imposto sobre obras con fins sociais.

Dende o Grupo Municipal reproban que dende a aprobación do acordo plenario en decembro, o rexedor socialista “entrase nunha deriva de ataques persoais e mesmo institucionais aos colectivos sociais e particularmente a entidades como Prodeme”. Julia Rodríguez considera que esta actitude é “incompatible co papel e coa obriga que ten un alcalde de escoitar, comprender e atender no posible as demandas dos seus veciños, e máis, se de quen se trata é de entidades que desenvolven un labor social tan importante”.

Polo tanto e segundo lembran dende o Grupo Municipal do PP “a día de hoxe, o alcalde non ten dado cumprimento a este acordo plenario, nin parece, polas súas manifestacións, que teña intención algunha de facelo, a pesar de que se trata dunha competencia plenaria”. Ante esta situación, os populares queren unha resposta “clara e firme” por parte do alcalde.

Prexuízos pola demora do alcalde

O Grupo Municipal do PP recorda que entre as iniciativas que se poden ver favorecidas por esta bonificación atópase o proxecto anunciado pola entidade Prodeme de aproveitamento industrial da biomasa a través dun centro ocupacional, dun centro especial de emprego e de formación dual. Un proxecto que representaría unha inversión de máis dun millón de euros e que daría traballo e ventas a profesionais, empresas da construción, autónomos, e empresas de distribución de materiais para a construción.

Os populares censuran que a actitude e as descualificacións do alcalde, xunto a súa negativa a dar cumprimento a este acordo, levase á asociación Prodeme a anunciar o suspenso do seu proxecto.

Julia Rodríguez precisa que o Concello non se atopa en disposición de presumir de ter a sensibilidade de dar traballo a persoas con discapacidade porque nada ten feito nese sentido. A maiores “está a negarse a axudar a outras entidades que dan emprego a persoas con discapacidade que de outro modo non o atoparían”. “En resumo, nin favorece a súa contratación no Concello nin as iniciativas das entidades que si traballan na ocupación das persoas con discapacidade”.

Ante esta situación, o Grupo Municipal do PP tamén pedirá a valoración do alcalde sobre os prexuízos que está a ocasionar coa súa demora á hora de dar cumprimento á modificación da ordenanza reguladora do ICIO, “non só á entidade Prodeme, senón tamén a tódolos profesionais e autónomos que se terían beneficiado do investimento que representaría este proxecto”.

Novas

Redes Sociais