Novas

Venres, 26 de xaneiro de 2018

Os populares recordan que o seu Grupo lle ten solicitado ao equipo de Goberno e ao seu alcalde que as obras de mellora do pavimento desta rúa, actualmente en obras, se axustaran ás propostas recollidas no PEPCHA, que está en tramitación

O PP interésase polo soterramento do cableado na Rúa do Conde aproveitando o levantamento do pavimento que se está a levar a cabo

Julia Rodríguez explica que o seu Grupo pediu actuar nesta rúa e noutras cidade xa en setembro de 2017 no que atinxe á renovación das conducións, respecto do soterramento dos cableados que afean as fachadas e incluso en edificios que xa non existen como tal

O Grupo Municipal do PP de Monforte interesarase no vindeiro pleno por se existen xestións ou negociacións por parte do Goberno local coas empresas subministradoras de luz e telefonía para que procedan a soterrar os cableados da Rúa do Conde aproveitando o levantamento do pavimento que se está a levar a cabo. De ser así, queren saber cando teñen previsto acometer o soterramento.

Os populares recordan que o seu Grupo lle ten solicitado ao equipo de Goberno e ao seu alcalde que as obras de mellora do pavimento da Rúa do Conde se axustaran ás propostas que para esta rúa fai o propio PEPCHA, que está en tramitación. Así o pediron non só no que atinxe á renovación das conducións, senón tamén respecto do soterramento dos cableados que afean as fachadas desta rúa como de outras da cidade, pero tamén nalgún edificio que xa non existe como tal, onde os cables colgantes representan un risco para os veciños.

Unha petición de setembro de 2017

Xa naquel momento, setembro de 2017, os populares sinalaban na súa proposta que, sendo a Rúa do Conde unha rúa emblemática da cidade, debía ser renovada con arranxo ás indicacións do PEPCHA en cando a materiais, condicións da reforma e renovación de conducións.

De feito, explica a voceira do PP, Julia Rodríguez, instamos ao equipo de Goberno a “cumprir coas indicacións do PEPCHA en canto aos materiais e condicións da renovación de espazos públicos que se vaian a acometer, abordando conxuntamente as renovacións e substitucións das infraestruturas que o precisan, creando conducións unitarias, normalizando os distintos rexistros e arquetas, implantando tubos que permitan albergar nun mesmo conduto diversas infraestruturas (telefonía e cable, electricidade e iluminación), así como a reordenación progresiva dos tendidos que deberán ser paulatinamente subterraneizados, contribuíndo a reducir os impactos visuais provocados pola proliferación de cableado nas fachadas”.

E, do mesmo xeito, comunicar ás empresas de subministros de todo tipo que fagan as actuacións que teñan previstas para evitar ter que levantar o pavimento renovado a curto prazo.

Así as cousas, desde o PP precisan que “a día de hoxe tense levantado o pavimento da Rúa do Conde, pero non percibimos que se estea a facer nada para soterrar os cableados que a atravesan, polo que nos interesaremos por este asunto no Pleno do vindeiro luns”.

Novas

Redes Sociais