Novas

Martes, 1 de outubro de 2013

O Grupo Municipal Popular considera que o Concello debe velar polo cumprimento o contrato "antes de que se produza o colapso da rede"

O PP pedirá o informe realizado en 2003 polo equipo de Goberno sobre o contrato da auga para comprobar se nel se advertía da desaparición da oferta da empresa concesionaria

Os populares agradecen ao alcalde a súa dispoñibilidade para limpar e acondicionar a Ponte Vella

O Grupo Municipal do PP de Monforte pedirá o informe realizado polo Goberno local no 2003 en relación coa concesión da auga a unha empresa privada, despois de que a tenente alcalde do BNG desvelase no Pleno de onte que desapareceu a oferta que deu orixe ao contrato. Os populares queren saber se nese informe se advertía da inexistencia desa oferta, un documento crucial sobre os compromisos adquiridos pola firma co Concello.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, considera que a situación da rede da auga en Monforte "é insostible" e se chegou a ela "porque non foi obxecto da mínima mellora nestes dez anos de Goberno do BNG". Os populares reclamaron no Pleno que se faga cumprir o contrato nos seus propios termos, sen descartar o secuestro, ou a rescisión do mesmo se así se considera.

Julia Rodríguez esíxelle ao Goberno local que tome medidas, posto que a rede se atopa "ao borde do colapso total". Os populares apostaron na sesión plenaria por unha renovación da rede "progresiva" que permita acabar cos problemas que día tras día se suceden na cidade e as conseguintes molestias que ocasionan para os cidadáns, a industria e o comercio.

A popular explicou no Pleno a importancia de dispoñer da oferta da concesionaria para poder revisar os compromisos adquiridos. "Non hai que levar á empresa polas orellas como dixo a tenente alcalde, é suficiente con esixirlle o cumprimento do contrato", expuxo.

Outras mocións do PP

O Grupo Municipal do PP agradece o apoio do BNG e do PSOE á súa moción sobre a limpeza e acondicionamento da Ponte Vella. Os populares consideran que se trata dun dos monumentos máis importantes da cidade e que non pode permanecer no estado no que se atopa. Lamentan, con todo, que os nacionalistas non queiran aclarar o seu modelo "cara á independencia nacional" tras terse pronunciado a favor da ruptura democrática do Estado.

Novas

Redes Sociais