Novas

Sábado, 27 de xaneiro de 2018

Os populares piden ao Concello a través dunha moción que actúe nesta localización situada no conxunto monumental de San Vicente co obxecto, tanto de mellorar a iluminación pública da praza e garantir, polo tanto, a seguridade cidadá, como de dotar a zona da luz acorde que permita destacar a monumentalidade da Igrexa de San Vicente

O PP de Monforte solicita que o Concello adopte as medidas necesarias para mellorar a iluminación na Praza de Luís de Góngora

Julia Rodríguez explica que recibiron queixas por parte de veciños e de visitantes sobre a escasa iluminación deste enclave debido tanto a existencia de farolas que permanecen apagadas como de focos nos laterais da igrexa “inutilizados” e mesmo outros que xa non existen

O Grupo Municipal do PP de Monforte vén de rexistrar unha moción para o seu debate no próximo Pleno da Corporación local a través da que solicita ao Concello que se adopten as medidas necesarias para mellorar a iluminación na Praza de Luís de Góngora, coa finalidade de dotala dunha alumeado acorde á entidade que posúe dentro Conxunto Monumental de San Vicente, tanto no que se refire a iluminar axeitadamente a praza, como a empregar a luz acorde que permita destacar a importancia do monumento.

A voceira do Grupo Municipal do PP de Monforte, Julia Rodríguez, considera que dende o Goberno local se debe actuar nesta localización, situada no conxunto monumental de San Vicente. En concreto, a Praza Luís de Góngora atópase na frontal do Palacio dos Condes de Lemos e na fachada lateral da Igrexa de San Vicente ao tempo que dá acceso ao Parador Nacional de Monforte e á Torre da Homenaxe.

A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular, Julia Rodriguez, explica que na actualidade a iluminación que ten a praza Luís de Góngora en horario nocturno é a ofrecida tanto por unha farola localizada na fachada do Palacio Condal como por un foco asentado no muro de baixada a nivel do chan. A voceira engade que existen na citada praza farolas municipais que están apagadas, xa que, segundo a información da que dispón o Grupo Popular, non se deixaron debidamente conectadas trala última reforma da vía de acceso a San Vicente.

Ademais, Julia Rodríguez precisa á hora de analizar a situación na que se atopa o sistema de iluminación neste enclave que tamén existen focos específicos que no seu momento iluminaron a fachada lateral da Igrexa de San Vicente, pero que “hoxe en día están inutilizados”. Do mesmo xeito, segundo os populares, “outros focos xa nin existen, como acontece co que iluminaba a fachada principal da igrexa”.

“Estamos a falar dunha iluminación que se destinaba non só a dar á praza a necesaria cobertura de luz pública, senón que tamén se dirixía a destacar a monumentalidade da igrexa, sendo moi necesario que se actúe sobre esta localización tanto para garantir a seguridade dos usuarios como para ofrecer a mellor imaxe do monumento”, consideran dende o Grupo Popular.

Polo tanto, os populares matizan que se trata dunha praza emblemática da cidade, localizada nunha zona de interese para o turista, sobre a que, engaden, “se debera dar a mellor imaxe ao visitante, ademais de que a administración local debe dar un bo servizo aos veciños e aos cidadáns en xeral”. “Na actualidade carece dunha iluminación axeitada e acorde a súa entidade xa que é a primeira impresión que o turista recibe ao chegar ao conxunto monumental de San Vicente”, precisan.

Por último, Julia Rodríguez asegura que son varias as queixas que “temos recibido tanto de veciños como de visitantes que se queixan da ausencia de iluminación na Praza Luís de Góngora”.

Novas

Redes Sociais