Novas

Martes, 31 de xaneiro de 2018

Os populares cuestionan que o rexedor non fixera unha modificación de crédito de 20.000 euros no Orzamento de 2017 cando as obras xa están rematadas desde hai meses

O PP de Monforte cre que o motivo real que leva ao alcalde a demorar a posta en marcha do baixo do Hotel Comercio é que non sabe cómo xestionalo

Consideran que coa súa apertura se evidenciará o erro que o rexedor cometeu ademais en canto á distribución e uso do local

Julia Rodríguez critica que ao rexedor non lle servira que a Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra puxera en marcha un proxecto ambicioso nese local cando non ten nin idea de cómo nin quen o vai xestionar

O Grupo Municipal do PP de Monforte cre que o motivo real que leva ao alcalde a demorar a posta en marcha do baixo do Hotel Comercio é que non sabe cómo xestionalo. Os populares cuestionan que o rexedor non fixera unha modificación de crédito de 20.000 euros no Orzamento de 2017 cando as obras están rematadas xa desde hai meses, concretamente desde o verán.

Os populares consideran que os pasos dados polo alcalde evidencian que non ten o menor interese en poñelo en funcionamento, posto que desde que as obras están rematadas podería ter feito unha modificación de crédito en Xunta de Goberno, sen a necesidade de sometela a Pleno, para habilitar esa partida de 20.000 euros para o mobiliario.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, rexeita que o Señor Tomé lle bote a culpa aos demais e poña a escusa dos Orzamentos e da súa aprobación “cando a culpa é exclusivamente súa”, posto que podía ter habilitado esta partida xa en 2017 e ter aberto o baixo xa nese ano. A demora na apertura, engade, evidenciará ademais o erro que cometeu na súa distribución e uso.

Cadea de despropósitos

Desde o PP lembran os avatares e a cadea de despropósitos en relación á xestión deste baixo por parte do Concello de Monforte. Así, levan anos pagando o aluguer sen darlle ningún uso. A Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra ofreceu xestionar de xeito gratuíto un centro de recepción de peregrinos e interpretación e difusión do Camiño do Inverno, unha cesión que o alcalde negou argumentando que era imposible polo contrato da Xunta.

Máis tarde quedaría retratado ao confirmar a Xunta que esta cesión si que era posible. Igualmente volveuse negar á súa cesión, ao tempo que lle ofrecía o local ao Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra. A esta contradición sumouse a presentación por parte do alcalde dun proxecto que contemplaba unha entrada con sala de espera e mostrador, un baño, tras despachos e un almacén para o Consorcio, unha sala de exposición para o Camiño de Inverno e un pasillo divisorio.

O alcalde, en contra de todos

De seguido o rexedor negouse a reconsiderar o proxecto a petición do resto dos Grupos da Corporación desoíndo a concentración cidadá que apoiaba esta petición. O socialista argumentou que non se podía modificar o proxecto, pero pouco tempo despois executou as obras facendo unha modificación do proxecto inicial coa eliminación do pasillo que nel figuraba. A día de hoxe, precisan, as obras están rematadas desde hai meses e o baixo segue baleiro e sen actividade ningunha.

A voceira do PP de Monforte, Julia Rodríguez, engade que o último episodio deste atropelo que está a levar a cabo o alcalde sobre o noso patrimonio consiste en anunciar que a apertura se retrasa porque non ten financiamento para o mobiliario cando puido ter feito unha modificación de crédito nos Orzamentos de 2017.

Nin idea de cómo nin quen o xestionará

O seu comportamento evidencia absolutamente a súa intencionalidade que, lonxe da verdadeira promoción do Camiño de Inverno, é que diga que non sabe se xestionalo directamente ou a través dunha empresa, pola que por suposto teremos que pagar. “Non lle servía que a Asociación do Camiño puxera en marcha un proxecto ambicioso nese local, pero non ten nin idea de cómo nin quen o vai xestionar”, critica a popular.

Julia Rodríguez considera evidente que o único interese do alcalde era botar por terra a idea que lle proporcionou a Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, non entendeu en modo algún a súa proposta e o que fixo con ese proxecto foi esnaquizar a proposta e eliminar as posibilidades do local. “O que veremos ao final serán 3 despachos baleiros para o Consorcio, e un pasillo-exposición e mostrador, para o Camiño, na liña do que xa hai na Oficina de Turismo”, conclúe.

Novas

Redes Sociais