Novas

Mércores, 31 de xaneiro de 2018

Os populares rexistraron un rogo para que o Goberno local actúe, na maior brevidade posible, nos treitos que amosan un firme con moitas gretas

O PP de Monforte solicita que o Concello arranxe os camiños municipais da parroquia de Guntín, que presentan un considerable estado de deterioro

Julia Rodríguez asegura que ten recibido numerosas queixas de veciños das parroquias sobre o estado das vías do rural polo que “urxe a actuación do Goberno local para garantirlles aos veciños uns accesos en condicións e coas garantías necesarias”

O Grupo Municipal do PP de Monforte vén de rexistrar un rogo dirixido ao alcalde socialista da localidade a través do que solicita que o Concello arranxe os camiños municipais da parroquia de Guntín, que presentan un considerable estado de deterioro.

A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular, Julia Rodríguez, asegura que teñen recibido numerosas queixas dos veciños polo estado no que se atopan moitas das vías municipais que comunican os distintos lugares do rural de Monforte. De feito “nas diferentes visitas que realizamos a diversas parroquia puidemos comprobar o lamentable estado de deterioro que presentan moitos destes camiños”, indica Julia Rodríguez.

Dun xeito máis preciso, a voceira popular explica que na parroquia de Guntín “puidemos constatar o mal estado da pista que une os lugares de A Medorra, A Lama e Souto con Santa Lucía”. Ademais, dende o Grupo do PP tamén concretan que no treito existente entre o lugar de Guntín e Souto “a vía presenta un firme totalmente agretado mentres que os accesos a estes lugares están moi deteriorados ou incluso son inexistentes”.

Deste modo, os populares no seu rogo piden que na maior brevidade posible o alcalde acometa as actuacións oportunas dirixidas a reparar os treitos deteriorados da vía que comunica os diferentes lugares da parroquia de Guntín, así como que se actúe nos accesos aos lugares de Guntín e Souto.

Julia Rodriguez lamenta o estado de abandono ao que o Concello somete ás distintas parroquias monfortinas e mesmo reproba que nos orzamentos para 2018 se reducise a partida económica dirixida a acondicionar os camiños municipais. “É de primeira necesidade que no rural se teñan unhas vías e accesos de comunicación en condicións que garantan a seguridade necesaria aos seus usuarios”, engadiu, polo que “demandaremos do Concello as actuacións precisas para que dean unha resposta en positivo ás queixas dos veciños das diferentes parroquias sobre o mal estado das comunicacións”.

Novas

Redes Sociais