Novas

Sábado, 3 de febreiro de 2018

Os populares preguntarán en Pleno ao alcalde se ten orzamentado o custo que supón a reparación destes camiños, cando ten previsto actuar neles e máis se ten solicitado as axudas que a Xunta aprobou para facerlle fronte a este tipo de actuacións

O PP de Monforte solicita a adecuación dos camiños municipais danados trala vaga de lumes sufrida no Concello no mes de outubro

Julia Rodríguez censura que nos orzamentos de 2018 se reducise a partida dirixida ao arranxo dos camiños municipais dada a importancia que supón manter en condicións estes accesos tanto para facilitar a extinción dos incendios, como para evitar a propagación do lume e a súa aproximación ás vivendas

Os populares interésanse especialmente pola parroquia de Chavaga

O Grupo Municipal do PP de Monforte solicita a adecuación dos camiños municipais danados trala vaga de lumes que afectou á localidade o pasado mes de outubro. Deste xeito, os populares rexistrarán unha pregunta para a súa resposta en sesión plenaria a través da que se interesan polas accións promovidas dende o Goberno local para darlle resposta aos veciños que solicitaron o arranxo destas vías, especialmente na parroquia de Chavaga.

Dun xeito máis preciso, a deputada autonómica e voceira do Grupo Municipal do Partido Popular, Julia Rodríguez, quere saber se o alcalde ten orzamentado o custo da reparación destas infraestruturas viarias e ademais interesarase por cando se procederá a reparar e acondicionar estes camiños municipais. “É unha actuación necesaria que están a demandar os veciños, polo que dende o Goberno local deben axilizar unha resposta en positivo”, precisou a voceira.

A este respecto, Julia Rodríguez censura que nos orzamentos municipais de 2018 se estableza unha baixada “moi apreciable” dos recursos dirixidos a promover actuacións nos camiños municipais. “Fomos testemuñas fai poucos meses da importancia que supón manter os camiños rurais en bo estado, o que favorece o labor dos efectivos encargados do traballo de extinción e, polo tanto, axuda a evitar que o lume chegue ás vivendas e aos núcleos habitados”, considera a popular, quen, neste senso, “rexeita unha redución nos fondos para actuar en vías municipais”.

Axuda da Xunta de Galicia

A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular lembra que a Xunta de Galicia habilitou axudas para paliar os danos ocasionados pola vaga de lumes que asolaron a comunidade autónoma no mes de outubro. Así, entre os beneficiarios destas axudas atópanse as entidades locais, coa finalidade de facerlle fronte aos gastos derivados das actuacións levadas a cabo como consecuencias dos incendios así como aos danos causados nos bens e dereitos de titularidade municipal. Ante esta convocatoria pública, o Grupo Municipal do PP tamén lle pregunta ao rexedor socialista se ten solicitado as axudas, que establece a orde ditada polo Goberno galego, xa que aos populares ata o momento “non lle consta que se tramitase esta petición”.

Novas

Redes Sociais