Novas

Sábado, 10 de febreiro de 2018

Os populares preguntarán en Pleno ao alcalde pola súas actuacións despois de que a empresa concesionaria depositara os residuos de xeito presuntamente ilegal en terreos agrarios da parroquia de Neiras, en Sober, incumpríndose deste xeito o contrato que regula dita adxudicación

O PP de Monforte pide explicacións ao alcalde sobre a xestión dos residuos xerados na obra de renovación do pavimento da Rúa Conde

Julia Rodríguez asegura que o alcalde ten unha serie de obrigas que debe cumprir coa fin de supervisar as obras e velar polo cumprimento dos contratos e máis cando se está ante unha actuación que dana o medio ambiente

O Grupo Municipal do PP de Monforte pedirá no próximo Pleno explicacións ao alcalde sobre a xestión que está a realizar a empresa adxudicataria da obra de eliminación de barreiras arquitectónicas e renovación do pavimento da Rúa Conde cos residuos provenientes da materialización do referido proxecto. En concreto, os populares dirixirán varias preguntas ao rexedor socialista nas que se interesan polas actuacións que está a adoptar o Goberno local para que a empresa concesionaria da citada obra cumpra coa súa obriga en materia de xestión dos residuos tal e como regula o contrato.

A voceira do Grupo Municipal do PP, Julia Rodríguez, lembra que o proxecto da obra de renovación do pavimento da Rúa Conde estimaba unha xeración de residuos de 1,0087’21 Tn e 597’60 m³ e establecía que a empresa concesionaria estaba obrigada, sempre que non proceda a xestionalos por si mesmo, a entregar os residuos a un xestor para a súa valoración e eliminación, manténdoos almacenados en obra en condicións adecuadas de hixiene e seguridade; ademais de que deberían ser depositados no lugar autorizado máis próximo. Deste xeito, o proxecto estimaba en 1.850 euros o orzamento para a xestión de residuos de construción e demolición.

Pese ao establecido no contrato, O Grupo Municipal do PP, tal e como precisa Julia Rodríguez, tivo coñecemento de que se estaban a producir vertidos presuntamente ilegais de escombros procedentes desta obra en terreos de uso agrario, na parroquia de Neiras, no Concello de Sober, concretamente nas proximidades do Polígono Industrial do Reboredo. Circunstancia que, segundo engaden dende o PP, motivou a apertura dunha investigación por parte do Seprona.

A este respecto, a voceira municipal considera que esta práctica, que lle representaría un aforro de custos á concesionaria, “supón un atentado contra o medio ambiente, pero tamén un claro incumprimento co contrato que vincula á concesionaria con este Concello”. A empresa ten manifestado que se tratou dun acopio provisional pero, matiza a popular, “é evidente que onde se depositaron non é un lugar autorizado, e mesmo está máis lonxe do que o está o lugar autorizado localizado máis preto, onde estaría obrigada a concesionaria a depositar os residuos”.

Obrigas do alcalde á hora de supervisar as obras

Ante esta situación, os populares preguntan ao rexedor se o Concello solicitou á concesionaria a documentación acreditativa do proceso que debía ter seguido para o tratamento dos residuos procedentes da obra da Rúa do Conde. En relación a isto, Julia Rodríguez lembra que o alcalde ten manifestado que ao Concello non lle afecta, porque contratou coa concesionaria o tratamento dos residuos; porén a administración local “ten obrigas e dereitos no que atinxe á supervisión das obras e ao cumprimento do contrato”, matiza a voceira.

A popular tamén precisa que “dificilmente pode demandarlle aos construtores que cumpran con esta obriga de xestión dos recursos en obras promovidas por particulares, se nas obras das que é promotor o propio Concello, non se ocupa de que se lle dea cumprimento”. Polo tanto, o Grupo Municipal do PP tamén pregunta ao rexedor cómo pretende que os construtores en obras de promoción privada cumpran coa ordenanza de protección medio ambiental, e as obrigas de retirada de residuos se o propio Concello non vela polo seu cumprimento nas obras das que é promotor.

Ordenanza Xeral de Protección Medioambiental

Por último, dende o Grupo Popular tamén precisan que o Concello ten aprobado unha Ordenanza Xeral de Protección Medioambiental, que establece unha serie de trámites para o produtor de residuos procedentes de demolicións ou cascallos de obras. A este respecto, Julia Rodríguez pregúntalle ao alcalde polas medidas que pensa adoptar o Concello en relación ao incumprimento por parte da concesionaria do contrato e da Ordenanza Xeral de Protección Medio Ambiental.

Novas

Redes Sociais