Novas

Mércores, 14 de febreiro de 2018

Os populares solicitaron o 16 de xaneiro ao Goberno local que regularizara o tráfico en Calvo Sotelo permitindo o acceso ata o cruce da Rúa Pontevedra

O PP critica que o alcalde fixera formar ás comparsas nas rúas Pontevedra e Curros Enríquez cando desatendeu a petición para permitir o acceso que lle demandaron hai xa un mes

Julia Rodríguez considera a decisión “un novo capricho persoal do rexedor”, polo que lle pide que explique aos comerciantes e veciños a qué responde esta arroutada

Desde o PP non entenden que o socialista aludira todo este tempo a criterios técnicos e onte mandara as comparsas por esas dúas vías

O Grupo Municipal do PP de Monforte critica que o alcalde fixera formar onte ás comparsas que participaron no desfile de Entroido nas rúas Pontevedra e Curros Enríquez cando hai un mes que desatendeu a petición dos populares para que regularizara o tráfico en Calvo Sotelo e permitirá o acceso ata o cruce da Rúa Pontevedra.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, considera que “estamos ante un novo despropósito do rexedor socialista, posto que non atende as demandas dos veciños e veciñas e dos comerciantes afectados polo corte na Rúa Calvo Sotelo, pero onte decide que as comparsas formen nesas rúas con vehículos e plataformas, entre outros”.

Esta actitude demostra que as decisións do alcalde non responden a criterios técnicos nin de seguridade, como vén de declarar nos medios de comunicación, senón máis ben a un capricho persoal ou unha arroutada; un comportamento ao que cada vez nos ten máis habituados e que novamente prexudica aos monfortinos e monfortinas.

Julia Rodríguez recorda que son numerosos os propietarios de negocios e comercios que se están vendo prexudicados por esta situación que se prolonga xa desde as pasadas festas de Nadal. Así, hai un mes, o PP pedía que o Goberno local fixera unha intervención na zona sinalizando debidamente a estrada e permitindo o acceso dos vehículos ata o cruce da Rúa Pontevedra, unha medida que sería posible co desvío do tráfico de camións pola Rúa San Pedro.

Celebración do desfile

En canto á celebración do desfile, os populares lamentan a “escasa sensibilidade” do equipo de Goberno o do alcalde, posto que fixeron oídos xordos ás centos de peticións que reclamaban non saír chovendo. Desde o PP pídenlle ao Goberno local que, de cara a vindeiras edicións, deberan prever este tipo de contratempos para poder artellar solucións alternativas que permitan que participe na celebración todos os que o tiñan previsto.

Novas

Redes Sociais