Novas

Xoves, 15 de febreiro de 2018

O Grupo Municipal do PP considera que o equipo de Goberno debe abandonar a súa pasividade con respecto aos problemas da auga na cidade e “poñerse as pilas” en relación cos incumprimentos e obrigas que ten a concesionaria

O PP de Monforte solicítalle ao Concello que requira a Aqualia para que substitúa “dunha vez por todas” as tubaxes nos tramos nos que están deterioradas

Julia Rodríguez explica que se está a contabilizar un gasto de 11.000 metros cúbicos, cando os que se precisan son 5.000, como consecuencia do mal estado das redes e as fugas que presenta

A popular lamenta que ao rexedor lle chova estes días “por enriba e por abaixo e non se inmute, facendo oídos xordos ás súas obrigas”

O Grupo Municipal do PP de Monforte solicítalle ao Concello que requira á empresa concesionaria da auga, Aqualia, para que substitúa “dunha vez por todas” as tubaxes nos tramos nos que están deterioradas. Deste xeito, precisan desde o PP, poderían evitarse incidentes como o acontecido onte na Rúa Escultor Francisco Moure no que un novo rebentón -e xa van catro en menos dun ano- deixou sen servizo a centros de veciños e veciñas.

Os populares fan esta reclamación tras pedir a renovación das conducións na Rúa Conde, así como naquelas outras nas que se están a mellorar os pavimentos e o alcalde se negou a requirir a Aqualia. De feito, engaden, no proxecto da Rúa Conde figuraba expresamente non tocar as conducións e só requiriu á empresa pola presión veciñal. De aí que os populares demanden de novo que lle faga cumprir o contrato.

Obrigas recollidas no contrato

Desde o PP insisten nesta petición que xa levaron ademais ao Pleno o pasado mes de novembro na que lle reclamaban ao alcalde que actúe e requira a Aqualia o cumprimento das obrigas establecidas no contrato, que impón á empresa o deber de realizar “as obras de mantemento e conservación de conducións e instalacións así como as de renovación e/ou substitución de conducións e instalacións deterioradas ou avariadas, que serán de conta do concesionario”, tal e como recolle o artigo 26.4 do prego de condicións; así como a localización de fugas na rede de abastecemento de auga.

A voceira do Grupo Municipal do PP, Julia Rodríguez, considera que o equipo de Goberno debe desistir da súa actitude de abandono con respecto aos problemas da auga en Monforte e “poñerse as pilas” en relación cos incumprimentos e obrigas da concesionaria. “Son problemas que afectan a centos de veciños e veciñas, polo que deben poñerse a traballar desde xa e abandonar a inacción que os caracteriza. Chóvelles por enriba e por abaixo e non se inmutan, facendo oídos xordos ás súas obrigas”, lamenta a popular.

Unha actitude sorprendente

A popular recorda que existen multitude de acordos plenarios promovidos a iniciativa do Partido Popular nos que se pide que o alcalde proceda ante a pasividade de Aqualia. O alcalde chegou incluso a votar en contra de mocións cuxo “obxectivo se centraba en que se ofrecese un servizo de augas en condicións aos veciños e que nunca se antepuxesen os intereses da empresa aos dos monfortinos”, precisa.

Desde o PP explican que o Concello de Monforte precisa de 5.000 metros cúbicos de auga diarios “cando se está a contabilizar un gasto de 11.000”, é dicir, “estase a perder unha importante cantidade de auga pola rede dado o seu mal estado e as fugas que presenta, sen que o Concello faga nada para requirir á concesionaria ao respecto”.

Os populares sosteñen que a rotura das tubaxes e a situación que se está a vivir é consecuencia do mal que xestionaron tanto este alcalde como o anterior os incumprimentos existentes por parte de Aqualia; únicos responsables pola súa deixadez e a súa permisividade con esta empresa, sendo os veciños os que sempre sofren as súas consecuencias”.

Novas

Redes Sociais