Novas

Martes, 20 de febreiro de 2018

O Grupo Municipal Popular considera que a súa compra podería axudar a dinamizar e revitalizar o barrio da Estación

O PP pídelle ao Goberno local que negocie coa propiedade da ‘Casa do Penedo’ a súa posible adquisición de cara a establecer servizos municipais e unha zona verde

Julia Rodríguez demándalle ao alcalde que inclúa novas áreas de rehabilitación na solicitude de financiamento e participación no programa de rexeneración e renovación urbano, considerando as rúas do barrio da Estación que se estimen oportunas, entre elas a Rúa do Morín, e mesmo núcleos rurais tradicionais que poidan resultar de interese

O Grupo Municipal do PP de Monforte vén de presentar unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que instan ao equipo de Goberno a manter negociacións coa propiedade do terreo no que se emprazaba a ‘Casa do Penedo’ (derrubada) coa fin de contemplar a posibilidade da súa adquisición por parte do Concello de cara a establecer servizos municipais e unha zona verde que permitan dinamizar e revitalizar o barrio da Estación.

Desde o Grupo Municipal do PP consideran que o barrio da Estación precisa ser dinamizado como elemento que sirva como estímulo para reactivar un espazo que nos últimos anos perdeu o pulo económico que tivo no pasado. A voceira do PP, Julia Rodríguez, precisa que o inmoble que vén de derrubarse, coñecido como ‘Casa do Penedo’, deixa agora un terreo de grandes dimensións, que ofrece moitas posibilidades, non só para a dotación dunha zona verde da que carece o barrio, senón tamén para establecer nel servizos municipais que sirvan de estímulo económico. “De aí importancia de manter negociacións coa propiedade a fin de contemplar a posibilidade da súa adquisición por parte do Concello”, explica.

Ampliación da Zona ARI

Na súa iniciativa os populares piden ademais que o equipo de Goberno presente a solicitude de financiamento e participación no programa de rexeneración e renovación urbano incluíndo a solicitude de declaración de novas áreas de rehabilitación considerando as rúas do barrio da Estación que se estimen oportunas, entre elas a Rúa do Morín, e mesmo os núcleos rurais tradicionais que poidan resultar de interese.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, precisa que “é evidente que o barrio da Estación precisa de axudas para a rehabilitación ou derribo das vivendas que se atopan en mal estado”. Recorda que durante anos o Goberno local non pediu a ampliación da zona ARI e non se esgotaban os fondos dispoñibles para as rehabilitacións, deixando pasar así a oportunidade de recuperar vivendas que co tempo se teñen perdido.

Desde o PP recordan que levaron unha iniciativa ao Pleno para solicitar a ampliación da zona ARI, incrementándose como consecuencia, do recinto amurallado a todo o casco histórico no ano 2015.

Así, os populares vén a necesidade de solicitar unha nova ampliación ou a declaración dunha nova zona ARI que comprenda as vivendas do barrio da Estación, vivendas asociadas ao desenvolvemento ferroviario, que contan cunha particular tipoloxía que se estende non só polas rúas máis próximas é estación do tren, senón tamén por outras como a Rúa do Morín.

Novas

Redes Sociais