Novas

Venres, 23 de febreiro de 2018

Os populares pedirán no vindeiro Pleno melloras nestas rúas ao observar que presentan un considerable estado de abandono e non reúnen as condicións mínimas necesarias para dar un servizo axeitado aos veciños e residentes

O PP de Monforte solicita que o Goberno local promova actuacións de mellora nas rúas Vicente Risco, Raimundo Patiño e Luís Seoane

Julia Rodríguez defende a necesidade de limpar as cunetas de Vicente Risco para evitar a acumulación de auga sobre a calzada, así como de mellorar o firme nas tres rúas

Tamén pide unha nova regulación do tráfico nesta zona para que estas rúas sexan de sentido único, xa que a súa plataforma estreita dificulta o cruce de dous vehículos

O Grupo Municipal do PP de Monforte pedirá no próximo Pleno que o Goberno local de José Tomé promova actuacións de mellora nas rúas Vicente Risco, Raimundo Patiño e Luís Seoane, que dan servizo a un importante número de vivendas e residentes nun entorno paralelo á Rúa Chantada.

A voceira do Grupo Municipal do PP de Monforte e deputada autonómica, Julia Rodríguez, denuncia que Vicente Risco, Raimundo Patiño e Luís Seoane presentan un considerable estado de abandono, ao tempo que non reúnen as condicións mínimas necesarias para dar un servizo axeitado aos veciños e residentes.

Estado deficiente das rúas

Dun xeito máis preciso, a voceira dos populares lamenta a falta de limpeza das cunetas da rúa Vicente Risco, o que ocasiona a acumulación de auga que chega a cruzar a calzada. Esta situación obrigou incluso a algúns veciños a facer pequenos desaugues para evitar a inundación das súas respectivas vivendas. O problema da acumulación de auga sobre a plataforma da estrada tamén se viu agravado polas obras de acceso a unha vivenda á raíz da que se taparon os treitos das cunetas existentes.

De igual xeito, a situación que presenta a Rúa Vicente Risco complícase cos restos dun peche de pedra dunha finca situada á marxe dereita da vía, que se está a vir abaixo de xeito progresivo, feito que tamén deriva na acumulación de residuos nas cunetas. Ademais, dita finca presenta abundante maleza no seu peche sendo foco de incendios e permanece pechada na confluencia coa rúa con arumes de espiño oxidado, ocasionando un considerable risco para os veciños.

No que respecta á Rúa Raimundo Patiño, Julia Rodríguez denuncia que presenta treitos en terra, con socavóns moi pronunciados; mentres que a rúa Luís Seoane ten un firme moi deficiente con abundantes fochancas.

Petición dos populares

Ante o exposto, os populares na súa iniciativa instan ao alcalde a que limpe as cunetas destas rúas, de maneira especial, as da rúa Vicente Risco, realizando as actuacións oportunas que permitan a circulación da auga polas cunetas e evite a súa acumulación na calzada.

Ademais, dende o Grupo Popular piden que se requira aos propietarios da finca cuxo peche se está esborrallando sobre a cuneta na rúa Vicente Risco, para que eliminen a cerrume de espiño, as travesas queimadas que están inestables e as pedras que se esborrallan sobre a cuneta, asegurando o peche. De igual xeito, solicitan melloras do firme nas tres rúas.

Sentido único

Na actualidade as rúas Vicente Risco, Raimundo Patiño e Luís Seoane son de dobre sentido pese a que contan cunha plataforma estreita, o que dificulta o cruce de dous vehículos, especialmente, precisa a voceira popular, na Rúa Vicente Risco, “na que o mal estado das cunetas, cheas de pedras e auga, impide aproximarse e polo tanto que poidan cruzarse dous turismos”. De igual xeito, “a saída destas rúas á Rúa Chantada tampouco reúne as condicións axeitadas no que atinxe á seguridade viaria”, engadiu a popular.

Ante esta situación o Grupo Municipal do PP de Monforte tamén solicita na súa moción unha nova regulación do tráfico, previo o estudo correspondente, de maneira que “estas rúas pola súa estreiteza, sexan de sentido único, de maneira que se acceda dende a Rúa Chantada por unhas estradas e se saia por outras”.

Novas

Redes Sociais