Novas

Sábado, 24 de febreiro de 2018

Os populares explican que no Plan Extraordinario de Rehabilitación de Firmes de Vías Provinciais se recollen actuacións na explanada da Compañía (unha zona pavimentada con adoquíns) e sobre a rúa Reboredo (unha zona en bo estado) mentres que non se contemplan as peticións recollidas en acordos plenarios dende 2013, aprobadas a instancia do Grupo Popular, especialmente a da mellora da seguridade viaria na estrada Monforte-Sober ao su paso pola parroquia de Piñeira

O PP de Monforte advirte de que Concello e Deputación planean pavimentar estradas que “non existen” e rúas recentemente renovadas mentres desoen os acordos plenarios sobre as melloras necesarias nas vías provinciais

Julia Rodríguez preguntará no Pleno ao alcalde se comprobou os treitos nos que pretende actuar a Deputación, se considera axeitados os proxectos ademais de interesarse polos motivos que levaron a non incluír as actuacións solicitadas en acordos plenarios

A popular lamenta que o alcalde non sexa quen de mirar polos intereses dos monfortinos e no seu afán de pavimentar rúas mesmo pretende actuar onde non existen como se dá diante do colexio Nosa Sra. da Antigua ou levantar de novo rúas sobre as que se actuou recentemente

O Grupo Municipal do PP de Monforte advirte de que a Deputación planea pavimentar estradas que “non existen” e rúas recentemente renovadas mentres desoe os acordos plenarios sobre as melloras necesarias nas vías provinciais e en puntos quilométricos que urxen de actuacións inmediatas polo elevado risco que implica o estado actual para os condutores e viandantes.

En concreto, os populares informan de que o Plan Extraordinario de Rehabilitación de Firmes de Vías Provinciais 2017-2019 inclúe proxectos na estrada de Monforte a Sober (LU-P-3201), en concreto, por diante do Colexio da Compañía, das Casitas e por enriba da explanada ata o inicio de Carude. É dicir, nunha zona con adoquíns, pretendendo ata pavimentar diante da fachada do propio Colexio da Nosa Sra. da Antigua.

No Plan de Estradas da Deputación tamén se inclúe unha actuación na LU-3205, dende o extremo da explanada do Bar Cristal ata pouco antes do campo do Luís Bodegas. É dicir, proxéctase actuar sobre a rúa Reboredo, que se ten renovado recentemente e que se atopa en bo estado.

Petición de explicacións ao alcalde

A voceira do Grupo Municipal, Julia Rodríguez, lamenta que o alcalde non sexa quen de mirar polos intereses dos monfortinos e no seu afán de pavimentar estradas mesmo pretende actuar onde non existen como se dá diante do colexio Nosa Sra. da Antigua ou levantar de novo rúas sobre as que se actuou recentemente.

Ante esta situación, consideran necesario pedir explicacións ao alcalde. Así, a través dunha pregunta plenaria interesaranse sobre se o rexedor ten comprobado as estradas e treitos nos que pretende actuar a Deputación de Lugo no concello e se considera axeitados ditos proxectos se “consideramos que contemplan unha actuación sobre un elemento no que non hai estrada e máis sobre unha rúa recentemente renovada”.

Desoe os acordos plenarios

O Grupo Municipal do PP levou no mes de xaneiro un rogo a Pleno no que advertía da necesidade de acometer actuacións inmediatas en estradas provinciais. En concreto, referenciaban a importancia de levar a cabo melloras no pavimento e sinalización horizontal da LU-3202 (Monforte-Baamorto-Fiolleda) e tamén actuacións na sinalización horizontal da LU-P-3204, no entorno de Moreda. De xeito especial, os populares insistían na urxencia de mellorar a seguridade viaria na estrada que une Monforte con Sober (LU-P-3201), ao seu paso pola parroquia de Piñeira, en cuxo núcleo poboacional non existen pasos de peóns, nin redutores de velocidade, nin unha axeitada sinalización vertical e horizontal, ademais de non contemplárense beirarrúas ou zonas de tránsito peonil.

A voceira do Grupo Municipal lembra que as peticións trasladadas de novo polo PP xa foran aprobadas por acordo plenario, a iniciativa dos populares, en novembro de 2013 e en setembro de 2016 e “pese a iso, a día de hoxe a Deputación segue a desoír estas peticións que requiren de respostas inmediatas. Xa nos vimos obrigados a advertir dos numerosos accidentes que se teñen producido, por exemplo, na estrada que une Monforte con Sober, cunha importante densidade de tráfico sen que o Goberno socialista da Deputación dea unha resposta axeitada”.

Ante esta situación, Julia Rodríguez conclúe que o alcalde “ou ben non ten trasladado as peticións deste Grupo nin ten transmitido as súas propias ou ben nin tan sequera revisou o que se pretendía mellorar, xa que no seu afán de pavimentar rúas mesmo acepta actuar nunha diante da fachada do propio Colexio de Nosa Sra. da Antigua”.

Dende o Grupo Municipal do PP tamén preguntarán ao rexedor socialista polo motivo que leva á Deputación a non contemplar as actuacións solicitadas mediante acordos plenarios dende 2013, promovidos a iniciativa do PP, e, especialmente, a non dar resposta a demanda sobre a mellora da seguridade viaria na LU-3201 ao seu paso pola parroquia de Piñeira.

Novas

Redes Sociais