Novas

Xoves, 1 de marzo de 2018

Os populares lembran que o Concello xa foi condenado antes polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en reclamación similar a pagar as facturas e os intereses, incluso os gastos bancarios xerados á concesionaria por eses impagos, polo que a previsión era que novamente os condenasen

O PP considera que o equipo de Goberno se arrisca a seguir xerando gastos por intereses por non pagar as facturas de Escor nin querer negociar coa empresa

Julia Rodríguez considera rechamante a diferenza de trato que o Goberno local mantén con esta empresa en comparación co trato que lle dá á concesionaria da auga

O Grupo Municipal do PP de Monforte faise eco das declaracións feitas polo alcalde despois do Pleno do luns e considera que o equipo de Goberno debera negociar coa empresa Escor e non asumir sen máis o risco de ter que pagar unha condena maior. Os populares trasladan esta petición ao entender que o recurso de apelación contra a sentenza que condena ao Concello a pagar a Escor a cantidade de 45.000 euros máis os intereses legais deses cartos -desde o 21 de novembro de 2016 ata o seu efectivo pagamento- “ten unha dubidosa viabilidade”.

Así, consideran que o equipo de Goberno se arrisca a seguir xerando gastos por intereses por non pagar as facturas de Escor nin querer negociar coa empresa. Desde o PP estiman que probablemente o único efecto que consiga o Goberno local é que todos os monfortinos e monfortinas teñan que pagar unha contía aínda maior que pola que agora condenan ao Concello.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, amosa a súa sorpresa polas palabras do alcalde nas que tacha á oposición de “irresponsable” cando “sistematicamente nos ningunea a nós e aos acordos aos que chegamos e fai oídos xordos ás nosas propostas, incluso cando son de competencia plenaria, mentres agora nos chama irresponsables porque non estamos para presentar un recurso de apelación”.

Os populares recordan que abandonaron o Pleno ante a actitude ditatorial do rexedor, por negarse a darlle a palabra á asociación AMARCAN, pese a que o regulamento de participación cidadá así o recolle.

O PP aclara ademais que o seu Grupo non apoiou a negativa do Concello a pagar as facturas e os intereses que lle reclamaba Escor correspondentes aos anos 2009 e 2010 ao entender que se debe cumprir cos contratos. “A empresa prestou o servizo de recollida de residuos sólidos, o seu transporte ao vertedoiro e limpeza viaria na localidade e a obriga do Concello é pagar por el”, precisan.

Os populares recordan que o Concello xa foi condenado antes polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en reclamación similar a pagar as facturas e os intereses, incluso os gastos bancarios xerados á concesionaria por eses impagos, polo que a previsión era que novamente os condenasen.

O recurso de apelación, unha temeridade

A voceira do PP considera “unha temeridade” a interposición do recurso de apelación que aprobado polo Goberno local, cando a sentenza argumenta perfectamente a condena, a inexistencia de prescrición e incluso a existencia dunha condena anterior na que houbo que aboar intereses e gastos bancarios nunha reclamación idéntica a esta. Así, Julia Rodríguez explica que “é moi probable que a consecuencia da interposición do recurso de apelación sexa que xeremos máis intereses de demora e incluso que propia empresa formule apelación dando lugar a unha condena superior”. “De ser así, engade, o efecto sería que teríamos que pagar aínda máis do que agora lle impoñen ao Concello”, engade.

Diferenza de trato coas empresas

Desde o PP advirten unha diferenza rechamante no trato que o actual alcalde e o anterior están a ter con esta empresa en comparación co trato que teñen coa concesionaria Aqualia. Severino Rodríguez non lle pagaba a Escor aínda que prestaba o servizo, en cambio pagáballe a Aqualia e nunca lle requiriu nada a pesar de que incumpría por sistema o contrato.

No caso de Tomé Roca, sabe que existe unha condena precedente por unha reclamación igual e aínda así é incapaz de negociar coa empresa para chegar a un acordo e evitar así unha condena maior. En cambio no caso de Aqualia propúxolle á Corporación un acordo cunhas cifras de maior envergadura no que claramente favorecía á empresa.

Novas

Redes Sociais