Novas

Xoves, 8 de marzo de 2018

Os populares consideran que a actitude do rexedor nas sesións plenarias non cumpre moitas das veces “nin coas normas máis básicas de educación”

O PP de Monforte convida ao alcalde a aproveitar o Día da Muller para reflexionar e corrixir o comportamento que ten nos plenos coas concelleiras dos outros Grupos

Julia Rodríguez recoñece ter sido o foco de improperios por parte do rexedor, unha actitude que debera rectificar

O Grupo Municipal do PP de Monforte convida ao alcalde, o socialista Tomé Roca, a aproveitar este Día da Muller para reflexionar e corrixir o comportamento que “por sistema” ten nos Plenos municipais coas concelleiras dos demais grupos políticos; en concreto o PP, non adscritos e Esperta Monforte.

Desde o PP rexeitan a actitude ditatorial da que fai gala o rexedor nas sesións plenarias, interrompendo as intervencións das voceiras mulleres e, como fixo no último Pleno, intentando evitar que amosen as súas manifestacións e suxestións. Tanto é así que na última sesión todos os Grupos políticos da oposición abandonaron o salón ante a negativa do alcalde para deixar intervir á asociación AMARCAN.

Os populares consideran que os xestos do alcalde e do seu Goberno “moitas veces son contrarios mesmo ás normas de educación máis básicas”. Así, recordan o día no que o tenente alcalde declarou que ás voceiras da oposición “había que correlas a gorrazos”. A este tipo de comentarios téñenos seguido outros nos que as acusa de mentireiras ou lles di que buscan provocalo, como declarou no último Pleno, así como comentarios nos que ten chamado “feas” ás concelleiras ou ten dito que teñen “que comer moitos chuscos”.

Os populares consideran que se trata de declaracións que “non deberan forma parte do vocabulario que manexan os membros de ningunha institución pública, polo que, ademais de programar actos como os do 8 de Marzo, deberan tamén mirar cara dentro e corrixir este tipo de actitudes que nada teñen que ver coa igualdade e o respecto”, precisan.

A voceira do PP, Julia Rodríguez, explica que en numerosas ocasións o rexedor ten botado man de actitudes e comentarios que poden ser cualificados de machistas, polo que lle piden que aproveite o día de hoxe para reflexionar sobre o seu comportamento. “Ademais de colocarse para a foto nos actos de hoxe tamén pode practicar co exemplo e amosar nos plenos o mesmo respecto que teñen con el as voceiras da oposición”, precisa.



Novas

Redes Sociais