Novas

Xoves, 8 de marzo de 2018

Os populares rexistrarán un rogo no próximo Pleno para que sexa atendido polo Goberno local no que denuncian o estado “lamentable” que presentan a meirande parte dos camiños de titularidade municipal que comunican esta parroquia

O PP de Monforte urxe ao arranxo do camiño municipal que comunica a LU-P-3201 coa vía de servizo do regadío na parroquia de Piñeira

Julia Rodríguez comprobou de primeira man o mal estado de conservación que presenta este camiño (031-120), cun firme deteriorado que require dunha actuación urxente para que os veciños poidan facer uso da vía nas condicións axeitadas e de seguridade viaria necesarias

Os populares tamén piden que se resolvan outras demandas específicas nesta parroquia, como son o arranxo dunha tapa do servizo de saneamento pola que saen residuos ou o acondicionamento dun valo sobre a ponte de Piñeira

O Grupo Municipal do PP de Monforte pedirá no próximo Pleno que o Goberno local de José Tomé interveña no camiño 031-120, de titularidade municipal, que comunica a estrada provincial LU-P-3201 co camiño de servizo do regadío, ao presentar un firme deteriorado que require dunha actuación urxente para que os veciños poidan facer uso desta vía nas condicións axeitadas e de seguridade viaria necesarias.

A voceira do Grupo Municipal do PP, Julia Rodríguez, comprobou en persoa a situación na que se atopa este camiño municipal e máis, segundo lembra a popular, os veciños advertían do mal estado en xeral das pistas que cruzan a parroquia de Piñeira. Ante esta situación, os populares rexistrarán un rogo en Pleno para que sexan atendidas estas peticións veciñais derivadas do estado “lamentable” que presentan os camiños de titularidade municipal.

A voceira dos populares amósase moi crítica pola redución que sufriu a partida dirixida a sufragar as actuacións de conservación dos camiños municipais no orzamento para este ano, pese a que unha gran parte destas vías na localidade presentan un estado de conservación “pésimo, co firme moi deteriorado, coa presenza de incontables fochancas que dificultan o tránsito dos vehículos, ademais de que as cunetas se atopan ateigadas de terra, o que compromete a durabilidade destas infraestruturas”.

A voceira popular enumerou que, por exemplo, na parroquia de Piñeira resulta “tamén moi necesaria a reparación das fochancas existentes no camiño que transcorre baixo os pasos elevados, situados nas inmediacións do local social e da ponte”.

Outras actuacións específicas

Os populares tamén urxen ao Concello a que requira a Aqualia, a empresa concesionaria do servizo municipal de augas, para que corrixa a situación que se está a dar nunha tapa do servizo de saneamento na parroquia de Piñeira, xa que expulsa ao exterior todo tipo de residuos fecais, que están a ser retirados pola propietaria da vivendas máis próxima a este punto, ante a desatención do Goberno local que “non está a dar unha solución axeitada”.

Julia Rodríguez lembra que xa en pasadas ocasións se requiriu á empresa Aqualia que dera unha solución inmediata ante esta situación, limitándose exclusivamente a colocar outra tapa por encima que non permitiu resolver o problema que están a sufrir os veciños, e que se agrava durante os días de choiva.

De igual xeito, os populares tamén piden o arranxo en condicións do valo situado na ponte de Piñeira co obxecto de garantir as condicións de seguridade necesarias. Julia Rodríguez explica que é necesario que se complete o valo existente, xa que “ata nos atopamos cun punto no que non hai ningún tipo de protección”.

Novas

Redes Sociais