Novas

Venres, 9 de marzo de 2018

Os populares consideran que o alcalde debería ter aproveitado estes fondos, achegados pola Xunta de Galicia, para dar resposta a necesidades tan importantes como é a dotación do servizo de saneamento, no lugar de asfaltar estradas que nin tan sequera son da súa titularidade

O PP de Monforte reproba que o Goberno de Tomé non empregase o Fondo de Cooperación Local para acometer o saneamento no lugar de Calvos, en Santa Mariña

Julia Rodríguez lémbralle ao alcalde que “ten un compromiso co rural, que debe asumir e atender e do que na actualidade se está a esquecer por completo, pese a trasladarlle de xeito continuado as demandas dos veciños mesmo a través de mocións que foron ao Pleno”

O Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte reproba que o Goberno local, que preside José Tomé, rexeitase empregar a contía que percibiu no 2017 do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia para levar a cabo as obras de saneamento no lugar de Calvos, na parroquia de Santa Mariña, pese a térenlle trasladado a través do Pleno a “urxencia de acometer unha actuación de primeira necesidade nunha zona esquecida para o Executivo socialista”.

A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular lembra que os veciños da zona de Calvos sufriron un agravio comparativo cando o anterior alcalde, Severino Rodríguez, dotou de saneamento a unha parte da parroquia, deixándoos a eles sen un servizo fundamental para a vida cotiá. “A día de hoxe o Goberno do PSOE segue sen darlle unha solución a esta situación anómala, ocasionando importantes prexuízos aos veciños no seu día a día”, censura a popular.

O Grupo Municipal do PP levou a Pleno unha iniciativa a través da que trasladaba ao Goberno local as demandas dos veciños deste lugar e, dun xeito máis preciso, pedíanlle ao executivo de José Tomé que empregase o Fondo de Cooperación que percibe da Xunta de Galicia para darlle unha resposta en positivo a unha zona na que reside unha parte importante dos veciños e veciñas de Santa Mariña. “En Calvos atópanse as vivendas máis antigas da parroquia e a orografía do terreo en pendente desta zona fai necesario e urxente acometer as obras para evitar as filtracións que se producen a diario”, asegura de novo Julia Rodríguez.

Desde o PP recordan que o Goberno galego destinou aos concellos de Lugo máis de 20 millóns de euros a través do Fondo de Cooperación Local, tratándose dun fondo que non está condicionado nin vinculado á execución dunha obra ou servizo concreto, o que significa que o Concello podería telo investido no que estime máis axeitado para os intereses dos seus veciños. “O alcalde debería ter atendido unha necesidade tan importante para os veciños de Calvos con cargo a este fondo, o que contribuiría a mellorar as súas condicións de vida”, considera Julia Rodríguez.

A popular lembra que estes fondos que recibiu o Concello son recursos que axudan a que os concellos poidan continuar prestando os debidos servizos á cidadanía, polo que “debería ter aproveitado o Fondo de Cooperación Local para atender a demandas, como a de Calvos, e non gastar os fondos en asfaltar, por exemplo, estradas que nin tan sequera son da súa titularidade, como se non tivera de abondo coas rúas e camiños que son da súa competencia”.

Por último, Julia Rodríguez censura que o alcalde se está a esquecer dos veciños das parroquias e lémbralle que “ten un compromiso co rural que debe cumprir e que non o está a facer, esquecéndose das necesidades máis importantes para os seus habitantes e de servizos tan básico como o de saneamento”.

Novas

Redes Sociais