Novas

Martes, 13 de marzo de 2018

O Grupo Municipal Popular de Monforte lamenta o pésimo estado no que se atopa o terreo tras a instalación do circo, o que reduce as posibilidades de aparcamento nese espazo, como vén sendo habitual

O PP pídelle ao alcalde que regularice a situación do aluguer do solar da Rúa Sarria e requira ao circo para que arranxe os desperfectos causados na finca

Julia Rodríguez denuncia que non exista tampouco autorización do espectáculo circense na que se fixe unha fianza para cubrir destrozos como os ocasionados no terreo

O Grupo Municipal do PP de Monforte pídelle ao alcalde que regularice a situación do aluguer do solar da Rúa Sarria, polo que se están a pagar facturas por importe 3.273,70 euros pese a existir reparos do Servizo de Intervención nos que se indica que se atopa en precario e que “é un gasto feito sen respectar procedementos da Lei de Contratos”.

Este feito trae consigo, explican os populares, que os espectáculos que se instalan na cidade fagan un uso indebido do solar, posto que non se asina contrato nin se expide autorización algunha do Concello que faga que ante situacións anómalas exista unha fianza para corrixilas.

Así, os populares explican que nos pasados días instalouse no solar un circo e agora o estado da finca presenta numerosos desperfectos ante a pasividade do Concello. Así, tal e como se pode ver nas imaxes que se achegan, o solar atópase nunhas condicións pésimas, cheo de fochancas e terra movida, o que impedirá empregar a totalidade deste espazo para aparcamento se non se intervén nel, como vén sendo habitual.

Sorpresa pola pasividade do Concello

Desde o PP sosteñen a instalación das carpas para o espectáculo circense debería ir acompañada dunha autorización ou contrato nos que se fixara unha fianza ou garantía de devolución en boas condicións, polo que lle piden ao Goberno local que regularice a situación do aluguer do solar e requira ao circo para que arranxe os desperfectos causados na finca.

O estado actual do solar impide que se siga empregando para aparcamento na súa totalidade, polo que desde o PP piden que o Concello requira á empresa que se instalou alí e resolva o desaguisado. “O Goberno local debe regularizar esta situación de cara o futuro e ter unha autorización e fianza para que non volve acontecer”, explican.

Novas

Redes Sociais