Novas

Xoves, 3 de outubro de 2013

Os populares lamentan que os monfortinos teñan que asumir o pago dun servizo que aumentará os ingresos das arcas municipais en máis de 42.000 euros

O PP recorda que votou en contra da nova taxa do cemiterio que incrementa o custo do servizo nun 300%, ao pasar de 3,29 a 10 euros

Julia Rodríguez corrixe ao portavoz do PSOE quen manifestou que a oposición votou o mesmo, cando foi a abstención dos socialistas a que permitiu a subida

O Grupo Municipal do PP de Monforte recorda que no Pleno do 4 de xuño de 2012 votou en contra do incremento das chamadas atencións no cemiterio, que pasaron de 3,29 euros ao ano a 10 euros por cada sepultura, cabida, oco ou altura. A portavoz do PP, Julia Rodríguez, sostén que os populares consideraron esta subida proposta polo Goberno local "excesiva", polo que non a apoiaron.

Non así o equipo de Goberno, de quen emana a proposta, nin o PSOE, quen se abstivo na votación permitindo que a iniciativa saíse adiante co voto de calidade do alcalde. "Non podemos permitir que agora o señor Tomé diga que tanto o PP como o PSOE se abstiveron, cando o PP votou en contra e os socialistas posibilitaron a suba da taxa".

Máis de 42.000 euros para o Concello

Os populares explican que a modificación, que entrou en vigor en 1 de xaneiro de 2013, supón un incremento da taxa nun 300% en relación ao anteriormente establecido. Segundo se desprende do propio plan de axuste aprobado polo Concello de Monforte a subida trae consigo un incremento nos ingresos das arcas municipais de 42.543,58 euros. Así, o Goberno local pasa de recadar 20.916,42 euros en 2012 a 63.460 euros previstos para o 2013.

Ademais dos 10 euros que os cidadáns terán que abonar por cada oco, o Goberno local, coa abstención do PSOE, aprobou unha subida do 5% nas concesións, alugueres, licenzas e transmisións, dentro da ordenanza fiscal reguladora pola prestación de servizos no cemiterio, condución de cadáveres e outros servizos fúnebres.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, recorda que xa no seu día o PP advertiu do malestar que este gravame supoñería aos cidadáns, posto que o incremento "non foi progresivo e obriga aos veciños a realizar un desembolso moi superior en só un ano".

Novas

Redes Sociais