Novas

Sábado, 17 de marzo de 2018

Os populares fan esta petición, xa que consideran insuficiente o cambio de luminarias cando “o alcalde leva anos sen renovar as instalacións, o que provoca o malgasto de enerxía e máis a existencia de elementos eléctricos irregulares que entrañan un considerable risco para os veciños”

O PP de Monforte pide que se avalíe o estado de todas as instalacións eléctricas municipais e se elabore un proxecto integral das actuacións necesarias

Julia Rodríguez tamén solicita de novo a elaboración dunha ordenanza que garanta unha mellor coordinación entre o servizo eléctrico municipal e as empresas externas que actúan en vías públicas, para evitar as incidencias que as diferentes obras poden ocasionar sobre as instalacións eléctricas

A voceira do PP de Monforte, Julia Rodríguez, anuncia que o Grupo Popular solicitará que o Goberno local elabore un plan de actuación integral a través do que se avalíe o estado de todas as conducións e instalacións eléctricas municipais e, acto seguido, se deseñe un proxecto coas actuacións necesarias, no que se determinen as prioridades e a orde de execución, coa única finalidade de renovar a rede eléctrica municipal, o que permitirá “acadar un importante aforro enerxético e garantir a seguridade cidadá”.

Julia Rodríguez explica que ao Grupo Popular lle parece necesaria calquera proposta dirixida a mellorar o alumeado público e reducir os costes enerxéticos pero considera que “non é suficiente o cambio de luminarias, tal e como vén de anunciar o alcalde, cando as instalacións e as conducións son moi antigas, o que provoca situacións como a perda de enerxía eléctrica que se dirixe á terra”.

Para os populares, o proxecto que vén de anunciar o alcalde sobre o cambio de luminarias convértese “soamente nun lavado de cara”, xa que a situación que presenta a rede eléctrica municipal require dun plan integral que permita a avaliación en detalle de cada instalación unido a un proxecto de actuacións.

Julia Rodríguez lembra que en reiteradas ocasións o Grupo Municipal do PP pediu ao rexedor que adoptase medidas dirixidas a renovar as instalacións do alumeado público “atopándonos sempre de fronte coa pasividade do alcalde. Leva todos estes anos sen actuar na renovación das instalacións eléctricas, polo que non chega con cambiar os focos, senón que é preciso actualizar a rede”.

Ademais, os populares precisan que “é necesario tanto contemplar actuacións en elementos que teñen que ver co aforro, como naqueles que se converten en puntos que entrañan un risco para veciños, xa que é por todos observable a existencia de moitas instalacións en situación irregular como, por exemplo, cadros eléctricos que están a vista, sen a protección necesaria ou farolas rotas”.

Julia Rodríguez tamén puxo como exemplo do mal estado das instalacións eléctricas, a situación que sofren os veciños da Rúa do Morín, onde levan varios días sen ningún tipo de iluminación a consecuencia, posiblemente, dunha instalación moi antiga, sobre a que non se teñen realizado actuacións de renovación e que mesmo “pode estar danada polas sucesivas obras acometidas e que puideron ocasionar incidencias nas conducións eléctricas”.

Os populares tamén referiron á situación da Rúa Conde, cuxa obra de renovación do pavimento non cumpre coas indicacións establecidas no PEPCHA, tanto é así que, os populares amosáronse moi críticos con que o rexedor non aproveitase a actuación na rúa para renovar conducións e soterrar o cableado, tal e como tamén se aconsella no Plan.

Por último, Julia Rodríguez precisa que as peticións de actuación de mellora na rede eléctrica municipal proveñen tamén de “moitos veciños, aos que o alcalde está a desoír, pese a que estamos ante unha actuación que permitiría un claro aforro nos custos do consumo eléctrico pero, sobre todo, garantiría a seguridade cidade e incluso do traballo dos operarios”.

Ordenanza

Ademais da elaboración dun plan integral de actuación na rede eléctrica municipal, o Grupo Municipal Popular tamén pedirá de novo a elaboración dunha ordenanza que regule a coordinación entre o servizo eléctrico municipal e as empresas externas que actúan nas vías públicas, xa que as diferentes obras poden ter incidencias sobre as instalacións de alumeado público.

Julia Rodríguez considera moi necesaria a elaboración desta ordenanza reguladora co obxecto de protexer as instalacións eléctricas e manter actualizado o seu estado, sendo, polo tanto, “imprescindible” unha mellor coordinación entre o servizo municipal e as empresas externas para evitar calquera tipo de incidencia.

Novas

Redes Sociais