Novas

Mércores, 21 de marzo de 2018

Aseguran que a nova proposta do alcalde pon en evidencia que o acordo ao que quería chegar coa concesionaria era prexudicial para os intereses do Concello e de todos os monfortinos

O PP de Monforte considera “unha auténtica chapuza” a xestión que o alcalde leva feito en relación cos incumprimentos de Aqualia

Julia Rodríguez explica que o rexedor actúa a remolque da empresa, posto que a consesionaria vén de facerlle unha reclamación no mes de decembro de 1,9 millóns de euros

O Grupo Municipal do PP de Monforte considera “unha auténtica chapuza” a xestión que o alcalde leva feito en relación cos incumprimento da empresa Aqualia. Os populares amosan a súa sorpresa por esta decisión do rexedor que vén a evidenciar que os populares tiñan razón cando sostiñan que o Concello debera ter reclamado á empresa polos incumprimentos do seu contrato.

Tamén acertabamos, explica a voceira do PP, Julia Rodríguez, cando dicíamos que o equipo de Goberno propuña un acordo vantaxoso para a concesionaria como deixa á vista este “lavado de cara” que intentan facer desde o Concello.

Así, segue sen reclamar cantidades que lle corresponden a Aqualia, o que demostra que o alcalde “está pregado aos intereses da concesionaria”. Isto dedúcese do feito de que non defende os intereses do Concello, posto que non inclúe obras que asumiu o equipo de Goberno e que agora non se sabe a canto ascenderían e que seguen sen cuantificar, aspecto polo que o PP preguntará no próximo Pleno.

Tamén ven rechamante que agora pretenda obter o apoio do Pleno cando no seu día propuxo de maneira unilateral e pola porta de atrás un acordo que prexudicaba ao Concello, como así se lle advertiu desde a oposición sen ter en conta ao resto dos Grupos e votando en contra de todos os acordos do Pleno ata hoxe.

Tanto é así que criticou a proposta que facía o PP e non considerou ningunha das recomendacións, pero agora este xiro demostra que os populares “tiñamos razón e que aquel acordo prexudicaba gravemente aos intereses do Concello”, explica a voceira do PP.

A remolque da empresa

Desde o PP sosteñen ademais que o Goberno local non tiña que ter asumido investimentos que fixo o Concello e que correspondía asumir á empresa, como fixa o seu contrato. Agora, censuran desde o Grupo Municipal Popular, o alcalde vai a remolque de novo de Aqualia, posto que fan esta proposta unha vez que recibiron en decembro unha reclamación da concesionaria na que lles piden 1,9 millóns de euros.

“A empresa é a que motiva que o alcalde mova ficha porque ata o de agora non fixo unha soa reclamación, só se puxo do seu lado aceptando un acordo que era claramente prexudicial para Monforte, como agora queda demostrado ao verse obrigado por un informe municipal”, replican os populares.

Así, desde o PP recórdanlle ao rexedor que foron numerosas as iniciativas nas que lle pedían, desde a súa chegada ao Goberno, que reclamara as obras de renovación e substitución das conducións que está a asumir o Concello nos últimos anos cando son claramente competencia de Aqualia, tal e como fixa o seu contrato, o que representaría unha contía importante para reclamar.

O alcalde segue sen ler o contrato

Para os populares a actitude do alcalde demostra que pretende facer “un lavado de cara” ante unha xestión que é “unha auténtica chapuza” coa que segue querendo enganar a todos os monfortinos e monfortinas. A voceira lamenta que tras todo este tempo á fronte do equipo de Goberno o alcalde parece que “nin se molestou en ler o contrato coa concesionaria” e sigue sen reclamar o que corresponde propoñendo parches unha vez que a empresa moveu ficha.

“Actuou en interese da empresa cando propuxo aquel acordo, como así queda á vista coa proposta que pretende levar ao Pleno, cando estivo tres anos sen facer nada e agora actúa a remolque da empresa e segue sen facelo ben, posto que hai reclamacións que habería que facer que nin se mencionan”, conclúen.

Novas

Redes Sociais