Novas

Venres, 23 de febreiro de 2018

A portavoz do Grupo Popular e deputada autonómica, Julia Rodríguez, explica que a prisión permanente revisable está prevista para situacións de extrema gravidade e inclúe unha revisión de pena en casos nos que se vexa unha recuperación por parte do culpable

O Grupo Municipal do PP de Monforte pide o apoio do Pleno local á prisión permanente revisable

Trátase dun instrumento que existe en moitos países da nosa contorna, conta co apoio de multitude de cidadáns e axústase aos dereitos humanos

O Grupo Municipal do PP de Monforte pedirá no próximo Pleno local o apoio da Corporación á prisión permanente revisable para instar aos diferentes Grupos Parlamentarios da oposición con representación no Congreso dos Deputados a que reconsideren a súa postura sobre a derrogación desta figura.

A portavoz do Grupo Popular e deputada autonómica, Julia Rodríguez, explica que a prisión permanente revisable está prevista para situacións de extrema gravidade e inclúe unha revisión de pena en casos nos que se vexa unha recuperación por parte do culpable. É dicir, a prisión permanente revisable non significa unha cadea perpetua porque non se renuncia á reinserción do penado, pois unha vez cumprida unha parte mínima da condena, un Tribunal deberá valorar novamente as circunstancias do penado e o delito cometido e poderá revisar a súa situación persoal.

A popular precisou tamén que se trata dun instrumento que existe en moitos países da nosa contorna, en gobernos de todo tipo de corte político e “é unha institución coherente, que se incorpora ben ao noso modelo de garantías e ten perfecto encaixe penal”, considera. Ademais, engade que son multitude os cidadáns que manifestaron o seu apoio á pena de prisión permanente revisable como medio para garantir a seguridade, os dereitos e liberdades de todos os españois.

De igual modo, Julia Rodríguez manifesta que se trata dun modelo estendido no Dereito comparado europeo que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos considerou axustado á Convención Europea de Dereitos Humanos. “Trátase dunha institución que compatibiliza a existencia dunha resposta penal axustada á gravidade da culpabilidade, coa finalidade de reeducación á que debe ser orientada a execución das penas de prisión", precisa.

Polo tanto, desde o PP piden o seu apoio á permanencia da prisión permanente revisable no Código Penal, fronte á Proposición de Lei Orgánica que pretende derrogar este instrumento penal, “xa que estamos falando dunha pena extraordinaria para supostos de extrema gravidade como poden ser, entre outros, o asasinato dun menor de 16 anos ou persoa especialmente vulnerable; o asasinato logo de cometer o autor un delito contra a liberdade ou indemnidade sexual sobre a vítima; así como en casos de pertenza a organización criminal ou de terrorismo con resultado de morte”.

Novas

Redes Sociais