Novas

Sábado, 24 de marzo de 2018

A voceira dos populares anuncia que pedirán en Pleno que a administración local se una á Declaración institucional de apoio e impulso á modificación do Corredor Atlántico de Mercadorías asinada en outubro do ano pasado entre Galicia, Castela e León e Asturias para que os territorios do noroeste peninsular se beneficien da inclusión no Corredor Atlántico

O Grupo Municipal do PP de Monforte pide a adhesión do Concello á alianza a prol da integración do noroeste peninsular no Corredor Atlántico de Mercadorías

A popular defende que é necesario manter unha posición e unha voz única para acadar “as nosas aspiracións ante os órganos competentes da U.E. e que o tramo Ourense-Monforte-Palencia se una á rede europea de mercancías”

O Grupo Municipal do PP de Monforte pedirá no próximo Pleno que o Concello se adhira á alianza a prol da integración do noroeste peninsular no Corredor Atlántico de Mercadorías. En concreto, a voceira dos populares, Julia Rodríguez, solicitará que a administración local se sume á declaración institucional de apoio e impulso á modificación do Corredor Atlántico de Mercadorías, asinada no mes de outubro de 2017 polos Gobernos de Galicia, Castela e León e Asturias.

Julia Rodríguez precisa que nesta declaración institucional se pide que os territorios do noroeste peninsular se beneficien da inclusión no Corredor Atlántico e se incorpore e se priorice a conexión ferroviaria do seu actual trazado cos portos marítimos de Vigo, A Coruña, Xixón e Avilés, a través de Palencia e León. Unha iniciativa que consiste en que o itinerario preferente poida complementarse pola liña de costa entre A Coruña, Avilés e Xixón co actual trazado do Corredor, creando un bucle de conexión dos portos da cornixa atlántica.

Voz única

A voceira dos populares defende que se debe traballar dende un marco de unidade en defensa dos intereses de Galicia polo que considera que “non podemos apartarnos da declaración institucional xa firmada con outras comunidades autónomas e que contou cunha ampla representación institucional e empresarial”.

Para a popular é necesario manter unha posición e unha voz única para acadar as aspiracións ante os órganos competentes da U.E. e que, deste xeito, o tramo Ourense-Monforte-Palencia se una á rede europea de mercancías. “Esta posición única xa se manifesta na declaracións institucional asinada polas tres comunidades autónomas, entre elas Asturias, gobernada polo PSOE”, precisa a voceira.

Ademais, segundo explica Julia Rodríguez, a declaración institucional aprobada entre as diferentes institucións, inclúe unha petición moito máis ampla que a proposta polo Eixo Atlántico xa que “chega aos portos galegos, sendo fundamental tamén esta conexión”.

De igual xeito a popular tamén lembra que no Parlamento galego se aprobou unha PNL, neste caso a instancia do PSOE, e que contou co apoio unánime da Cámara, a través da que se recoñece a necesidade de dar traslado ao acordo asinado entre as tres comunidades autónomas e “seguir avanzando no fronte común iniciado”, polo que “non poderemos entender que o Goberno local queira ir en contra da unanimidade lograda no Parlamento”.

Por último, Julia Rodríguez puxo en valor o traballo promovido pola Xunta de Galicia así como todos os esforzos dedicados a impulsar a inclusión de Galicia no Corredor Ferroviario do Atlántico, sempre baixo a premisa da unidade e da coordinación, e que deron xa como resultado que o Ministerio de Fomento trasladase esta petición á Unión Europea.

Novas

Redes Sociais