Novas

Luns, 2 de abril de 2018

Os populares aseguran que o problema estaría resolto se desde o principio o equipo de Goberno ordenara a renovación da tubaxe xeral, o que agora obriga de novo a levantar o pavimento da rúa, pese a que vén de ser arranxado

O PP de Monforte considera que a xestión do alcalde en relación coas avarías da rede de auga na Rúa Conde “non puido ter sido máis neglixente”

Julia Rodríguez sostén que de novo o rexedor antepón os intereses da concesionaria da auga, ao non obrigala a cumprir co seu contrato, aos intereses dos monfortinos e monfortinas

O Grupo Municipal do PP de Monforte considera que a xestión do alcalde en relación coas avarías da rede de auga na Rúa Conde “non puido ter sido máis neglixente”. Así se pon de manifesto coa rotura que vén de producirse nesta rúa na que quedou á vista que remudou o pavimento sen aproveitar para renovar a condución xeral de subministro de auga, polo que agora se ve obrigado a actuar na rúa de novo.

“Se houbera renovado desde o principio a tubaxe xeral o problema xa estaría resolto”, polo que nos atopamos de novo ante unha tremenda falla de xestión e previsión e de poñerse do lado dos intereses de Aqualia, ao non obrigala a cumprir o seu contrato, e non dos intereses dos monfortinos e monfortinas. “Acaba de poñer o pavimento e xa ten que levantalo de novo por non facer as cousas ben”, critican.

Os populares dinlle ao alcalde que a súa responsabilidade non é só vixiar que a empresa arranxe os desperfectos nunha rúa que ademais acaba de renovarse, senón que ten que facer que cumpra coas súas obrigas de renovar e substituír as conducións deterioradas, como acontece na tubaxe xeral da Rúa Conde.

Os populares aseguran que a presión dos veciños e da oposición obrigou ao Goberno local a renovar a tubaxe de abastecemento da Rúa Conde, pero non o saneamento, sobre o que non actuaron. Como se puido ver estes días, tras a última rotura, a tubaxe xeral segue a ser a orixinal posto que non lle tocaron, pese a figurar entre as obrigas da concesionaria sempre que as tubaxes están avariadas ou deterioradas, como neste caso.

Unha actuación incompleta e insuficiente

A voceira do PP, Julia Rodríguez, explica que “novamente” o rexedor se pon do lado de Aqualia consentindo unha actuación incompleta e insuficiente, o que provoca que haxa que levantar de novo todo o pavimento, pese a ser arranxado hai escasas semanas. Así, renóvanse a tubaxe que abastece a rúa pero non a xeral, de aí as avarías e cortes que se produciron en Francisco Moure.

“Anunciaron a bombo e prato a instalación dunha válvula na praza dos Chaos para evitar problemas en Francisco Moure e na Avenida de Galica e aos poucos días xa estaba rompendo Francisco Moure”. “E agora vense obrigados de novo a levantar o pavimento que acaban de renovar na Rúa Conde para substituír a tubaxe xeral que está en mal estado e provocou estas avarías. Un absoluto despropósito”, engade.

Os populares recordan que preguntaron no último pleno polas características da tubaxe xeral e non recibiron resposta por parte do Goberno local. Desde o PP cren que esta forma de xestionar os recursos públicos facendo as cousas a medias responde a unha “auténtica tomadura de pelo” e unha maneira de “dilapidar os recursos públicos”.

Lamentan ademais todas as molestias que estas avarías continuas están a causar á veciñanza, cun corte de auga desde as sete da tarde ata as dez da noite, que trae ademais como consecuencia que haxa que levantar o pavimento de novo, cando vén de ser recentemente renovado. Nas imaxes pode verse incluso que a penas quedaba espazo de paso para os peóns.

Novas

Redes Sociais